miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Concello de Santiago deféndese ante as críticas producidas en relación ao transporte do festival "O Son do Camiño"

O Concello de Santiago deféndese ante as críticas producidas en relación ao transporte do festival "O Son do Camiño"
O Concello de Santiago deféndese ante as críticas producidas en relación ao transporte do festival "O Son do Camiño"

Na última xornada do festival “O Son do Camiño”, o servizo estivo operativo sen incidencias ata as 3.30 horas

Diante das publicacións xurdidas nos últimos días ao respecto da suspensión do servizo de autobuses lanzadeira para o festival "O Son do Camiño" na madrugada do sábado, o Concello de Santiago quere manifestar o seguinte:

- Tal e como se anunciou, a empresa municipal Tussa realizou un importante esforzo para reforzar o servizo de transporte público ao Monte do Gozo para atender as necesidades xurdidas da celebración do festival “O Son do Camiño”, organizado pola Xunta de Galicia nos días 28, 29 e 30 de xuño.   

- Ademais de reforzar as liñas que habitualmente chegan ata o Monte do Gozo, habilitouse un servizo de autobuses lanzadeira desde as 12.00 do xoves 28 de xuño ata as 14.00 do domingo, 1 de xullo.

- O servizo de buses lanzadeira funcionou con normalidade, e con reforzos en canto ao número de autobuses, desde o xoves ata a noite do sábado ao domingo. Na última xornada do festival “O Son do Camiño”, o servizo estivo operativo sen incidencias ata as 3.30 horas. A esa hora rexístrase unha gran concentración de persoas que pretendían abandonar o recinto do Monte do Gozo, e Tussa habilita vinte autobuses para axilizar o operativo.

- Sendo as 3.45 horas do domingo 1 de xullo, convócase unha xuntanza de urxencia no Posto Avanzado de Mando instalado no recinto do Monte do Gozo pola Axencia Galega de Seguridade, AXEGA. Nesa reunión, a Policía Nacional solicitou a suspensión do servizo de autobuses, para evitar problemas de seguridade derivados da aglomeración de persoas nun punto concreto do recinto. O Concello de Santiago, a través do xerente de Tussa, formulou a posibilidade de que os autobuses empezaran a circular de maneira gratuíta, para axilizar o desaloxo, pero aínda así a Policía Nacional considerou máis acaído, por cuestións de seguridade, suspender o servizo.

- A toma de decisións do Posto Avanzado de Mando instalado no Monte do Gozo, tal e como se informou no seu momento a través de AXEGA (http://www.112galicia.org/es/content/la-infraestructura-de-seguridad-del-festival-son-do-camino-pasa-por-la-axega) recaía na Garda Civil, o Corpo Nacional de Policía, o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago, Protección Civil, representantes da seguridade privada contratada para o festival, membros da organización, e representantes do dispositivo sanitario do evento.

- Os representantes da Policía Local, de Protección Civil, de Tussa e do Goberno local participaron entre os meses de maio e xuño en catro reunións de coordinación do operativo de seguridade do festival do “Son do Camiño”, ás que se sumaron dous percorridos polo recinto do Monte do Gozo nos días 27 e 28 de xuño.


Comentarios
Lo más