Padrón regresa ao medievo
A programación, coordinada pola empresa especializada Iacobus Medieval, arrancará o venres día 6 ás 18.00 horas coa apertura do tradicional mercado e rematará o domingo 8 ás 24.00 horas
Damas e cabaleiros: Chega a Feira Medieval! Se as rúas e as prazas empedradas de Padrón son sempre unha boa opción, durante a Feira Medieval aínda máis. A cita, que este ano terá lugar os días 6, 7 e 8 de xullo, converteuse tras 12 edicións nun dos eventos máis esperados. As rúas e comercios engalanados, o mercado medieval e os seus múltiples postos, as exhibicións de cetrería, a música celta e os espectáculos de acróbatas, bufóns e faquires son só unha parte do atractivo da feira.
A programación, coordinada pola empresa especializada Iacobus Medieval, arrancará o venres día 6 ás 18.00 horas coa apertura do tradicional mercado e rematará o domingo 8 ás 24.00 horas. Nesta edición, a organización planificou actividades orientadas tanto ao público adulto como ao infantil, entre as que figuran mostras de artesanía, obradoiros de oficios antigos (vidraría, cantería e cetrería), contacontos, espectáculos de acrobacias e lume, música itinerante e loitas de cabaleiros e combates medievais.
O concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, solicita "a máxima implicación" por parte de tódolos establecementos -ben engalanando e caracterizando os comercios e locais de hostalaría, ben disfrazándose os vendedores, ben sacando os comercios á rúa- para que "a Feira Medieval de Padrón siga medrando en cada edición e sexa aínda máis atractiva".
A festa comezará este venres ás 18 horas coa apertura do mercado medieval. Trinta minutos máis tarde comezará o obradoiro de oficios antigos de vidrio e ás 18.45 horas o obradoiro infantil de pan. Ás 20.00 horas haberá unha exhibición de cetrería, ás 21.00 horas terá lugar o pasarrúas do grupo Mazmorra e ás 22.30 horas os asistentes poderán gozar cun gran espectáculo de lume e acrobacias.
O sábado día 7 comezarán as actividades a partir das 11.00 horas coa apertura do mercado e o inicio do pasarrúas con música e personaxes, e a posta en marcha dos obradoiros. Pola tarde, ás 18.00 horas, o mercado abrirá de novo e ás 18.20 horas comezarán as exhibicións dos diferentes obradoiros. Ás 22.00 horas, o grupo Gaeloc aminazará o ambiente na praza Rodríguez Cobian e ás 23.00 horas os presentes poderán disfrutar do espectáculo de lume.
Xa o domingo 8, ás 11.00 horas o mercado abrirá as súas portas e continuarán as exhibicións dos obradoiros e ás 12.30 horas dará comezo a loita de cabaleiros. Ás 18.00 horas veciños e visitantes poderán seguir disfrutando do mercado medieval e ao longo de toda a tarde coa animación musical polas rúas da vila. Por si fora pouco, ás 19.00 horas, na praza Rodríguez Cobian, os presentes poderán desfrutar dos combates medievais de corpo a corpo. O fin de festa chegará ás 22.30 horas cun espectáculo de lume e pirotecnia.
Deste xeito Padrón prepárase para gozar de tres días de auténtica festa nunha vila pola que pasarán milleiros de persoas durante a fin de semana.
Programa
Esta nova edición da Feira Medieval de Padrón comezará o venres coas seguintes actividades, entre as que destacan Gaeloc e Mazmorra e o espectáculo de acrobacia e lume pola noite.
A festa continuará en Padrón poucas horas máis tarde coa xornada do sábado e con actividades para todos os públicos: exhibición de cetrería, máis música itinerante, un obradoiro de oficios antigos ou un contacontos infantil na Praza Macías.
E para rematar, na xornada do domingo a festa non descansa coa apertura do mercado e posta en marcha dos obradoiros ás 11 da mañá, cunha loita de cabaleiros, con máis combates medievais e co espectáculo de pirotecnia Fire Dragons 2018.