A Fundación Mutua Madrileña premia 2 traballos de investigación do Idis
Por segundo ano consecutivo, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago recibe dúas axudas á investigación desta prestixiosa convocatoria, das 18 concedidas
Dous proxectos de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago foron recoñecidos esta mañá na entrega da XV Convocatoria anual de axudas á investigación en materia de saúde da Fundación Mutua Madrileña.
O traballo de investigación Procura de factores solubles implicados na osificación heterotópica asociada ao traumatismo cranioencefálico, do grupo dirixido por Rodolfo Gómez Vaamonde foi seleccionado entre os estudos relacionados no ámbito da area de traumatoloxía e as súas secuelas. Este proxecto gañador busca identificar as causas da Osificación Heterotópica (OH), enfermidade altamente discapacitante que se caracteriza pola formación de óso en tecidos brandos, cando se asocia a traumatismos cranioencefálicos. O coñecemento das causas permitirá ter marcadores da enfermidade para un diagnóstico e tratamento precoz.
O segundo dos proxectos gañadores do idis, liderado por Ana Vega Gliemmo, do Grupo Xenética en Cancro e enfermidades raras, titúlase: Mellora no diagnóstico e tratamento do cancro de mama: identificación de variantes en rexións non codificantes de xenes asociados mediante NGS, priorización de variantes mediante Deep Learning e validación funcional.
Ana Vega subliña que “obxectivo xeral do proxecto é mellorar o diagnóstico xenético e, nun futuro próximo, o tratamento do cancro de mama utilizando os últimos avances tecnolóxicos (NGS, RNAseq, MPRA, CRISPR), metodolóxicos (Deep learning, Deep neural network) e xenómicos (CRISPR, ENCODE Project, 1000 Genomes Project) para identificar e caracterizar molecularmente as variantes en rexións non codificantes dos xenes asociados ao cancro de mama, entre os que se atopan BRCA1, BRCA2, PALB2, RAD51 C, RAD51D, TP53...”.
“A consecución destes obxectivos permitiranos desenvolver a medio prazo, -engade- un protocolo de análise para o estudo de variantes reguladoras nos xenes asociados, que podería utilizarse non só para os xenes relacionados co cancro de mama familiar e hereditario, senón adaptarse a outros xenes e patoloxías”.
A contía global de todas estas axudas á investigación da FMM supoñen 1,7 millóns de euros para financiar o desenvolvemento de 18 estudos clínicos dirixidos á mellora de tratamentos médicos, seleccionados entre os que se presentaron de numerosos centros de investigación de toda España. As axudas concedéronse a proxectos enmarcados en catro áreas específicas: enfermidades raras que se manifestan na infancia, transplantes, traumatoloxía e as súas secuelas e o diagnóstico e tratamento do cancro de mama.
Tal e como subliña a propia Fundación MM, a decisión do Comité Científico para seleccionar os traballos que reciben as axudas “baséase en criterios de interese científico e impacto social, aínda que tamén se ten en conta que o estudo estea liderado por investigadores de menos de 40 anos, co obxectivo de impulsar as súas carreiras profesionais”.
Osificación heterotópica
A osificación heterotópica (OH) é unha patoloxía que se coñece desde hai séculos, datando os seus primeiros rexistros de hai máis de 1.000 anos. Caracterízase pola formación de óso en tecidos brandos. Esta patoloxía, debido á excesiva formación ósea, ten asociado un altísimo grao de discapacidade, redución de movementos e de independencia persoal, así como unha deterioración da calidade de vida. A OH pode ser xenética ou adquirida. A primeira preséntase como consecuencia de raras alteracións xenéticas.
Segundo subliña Rodolfo Gómez “a OH adquirida, moito máis frecuente que a xenética, ten unha gran prevaleza no contexto de múltiples lesións traumáticas. Concretamente a OH pódese presentar como consecuencia de traumatismos en tecidos brandos, lesións por explosións, fracturas, dislocacións, cirurxía ortopédica para o recambio articular, electrocución, queimaduras e dano neurolóxico, como as lesións medulares e os traumatismos cranioencefálicos”.
Ademais, “a OH de orixe neurolóxica, tamén denominada OH neuroxénica, destaca pola súa capacidade de verse potenciada pola existencia doutros traumatismos, -incide Gómez Vaamonde- de xeito que fronte a unha incidencia de OH neuroxénica do 3,3% en pacientes con lesión medular ou cerebral, en presenza doutros traumatismos, a incidencia ascende ata un 93,3%”.
A pesar do alarmante da incidencia desta enfermidade a súa causa aínda non esta esclarecida. Actualmente a abordaxe terapéutica para a prevención e tratamento da OH neuroxénica consiste no uso de anti- inflamatorios non esteroideos (AINES), a radioterapia e/ou a escisión cirúrxica.
Con todo, estes tratamentos non son totalmente eficaces e están asociados a graves efectos adversos. Durante os últimos 20 anos acumuláronse evidencias que suxiren que o soro dos pacientes que sofren OH neuroxénica podería promover a formación de óso, e a consecuencia disto, no grupo do idis, destaca Rodolfo Gómez “xurdiu a hipótese de que no soro destes pacientes existen factores, ata agora non descritos, que son responsables destas propiedades e que poderían desempeñar un papel crave na formación ósea fóra do esqueleto”.
O obxectivo principal deste estudo clínico consiste en identificar factores causais da OH asociada a traumatismos cranioencefálicos. Estes factores serviran de marcadores da enfermidade para un diagnostico e tratamento precoz. Outro obxectivo é identificar células potencialmente responsables do crecemento óseo e caracterizar o ambiente pro-osteoxénico que as induce a facelo.
Por outra banda, con este proxecto poderase tamén apoiar os estudos de patentabilidade de fármacos que o grupo Patoloxía Musculoesquelética , do idis esta desenvolvendo para o tratamento desta patoloxía.
Sobre o idis
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (idis) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e a Universidade, ás que están vinculados 80 grupos e máis de 1.000 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e converteu a Galicia en referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010 e a súa captación de fondos para a investigación creceu un 255% desde entón. Lidera proxectos de investigación europeos desde o ámbito das neurociencias e a pediatría.