O Grupo Municipal Popular lamenta a falta de información sobre a existencia e instalación de desfibriladores en distintas zonas do Concello de Santiago
Os Populares consideran necesario saber se están instaladas todas as unidades adquiridas, posto que de non ser así, o Goberno de Compostela Aberta debería aclarar cales son os motivos da demora na súa instalación
O Grupo Municipal Popular solicitou información ao Goberno de Martiño Noriega para coñecer o número de desfibriladores operativos cos que conta o Concello de Santiago no conxunto de edificios e instalacións da súa competencia e o lugar onde están instalados.
Así mesmo, os Populares consideran necesario saber se están instaladas todas as unidades adquiridas, posto que de non ser así, o Goberno de Compostela Aberta debería aclarar cales son os motivos da demora na súa instalación. A falta total de información sobre este tipo de instrumento fai que se descoñeza tamén si os aparatos instalados están a ser revisados periodicamente, ou noutro caso, se existe algunha planificación municipal para garantir a súa permanente eficacia.
Para o grupo que dirixe Agustín Hernández o Goberno de Compostela Aberta tamén debería informar sobre as previsións que manexa o Concello para ampliar a curto prazo estes dispositivos e que lugares se consideran prioritarios para a súa instalación.
Nos últimos tempos, distintas informacións nos medios de comunicación teñen posto de manifesto a importancia de dispoñer de medios sinxelos e eficaces para poder loitar contra a morte súbita cardíaca, unha afección crecente na nosa sociedade.
"Son varios os casos que se teñen rexistrado de falecementos en lugares públicos por paradas cardíacas que, segundo opinións cualificadas, se poderían ter evitado se neses lugares existira un desfibrilador, un dispositivo que axuda a restablecer a normalidade no ritmo cardíaco. Un decreto autonómico de abril de 2017 achega as máximas facilidades para a instalación deste tipo de dispositivos, sinalando a necesidade de dispor deste tipo de aparatos en lugares onde se concentre un elevado número de persoas, entre eles os establecementos públicos, instalacións deportivas ou centros educativos", apuntan dende o PP.
Segundo os datos feitos públicos pola Fundación de Urxencia Santiarias 061, a finais de 2016 nos 22 concellos da área sanitaria de Santiago existían un total de 142 desfibriladores, un 13% dos existentes en Galicia. Preto da metade (64) atopábanse no termo municipal de Santiago. A valoración que facían os responsables do 061 é que este número era razoablemente bo, pero que debería aumentarse, tendo en conta que nesta área se producen máis de un centenar de paradas cardíacas ao ano.
Pero se importante é dispoñer deste aparatos que axudan a restablecer o ritmo cardíaco, tamén o é controlar o seu correcto mantemento e contar con persoal con coñecementos para a súa utilización alí onde estean instalados.
"Temos constancia que o Concello de Santiago, ademais dos destinados aos corpos especiais –policía local, bombeiros ou protección civil- dispón de varios destes dispositivos destinados a instalacións públicas (seis deles adquiridos a finais do mandato anterior e catro máis a finais de 2016) e mesmo que unha parte do persoal municipal ten recibido xa cursiños e instrucións sobre o seu funcionamento, pero desexariamos coñecer a situación deste instrumental a día de hoxe".