Quique Costas será o candidato de Ames Novo á alcaldía
As eleccións primarias de Ames Novo para elixir quen encabezará a lista electoral da Iniciativa Cidadá nas eleccións municipais do próximo ano determinaron que será o actual voceiro do Grupo Municipal quen opte a alcaldía por esta formación
Onte á noite pechouse o proceso electoral interno para elixir a persoa que ha encabezar a candidatura de Ames Novo nas eleccións municipais de 2019. Feito o escrutinio pola Comisión Electoral, os resultados certificados por esta son como seguen: Votos emitidos: 51 (16% do censo). Votos a favor de Quique Costas: 27 (53%) Votos a favor de Mertxe Álvarez 22 (43%). Votos en braco: 2 (4%).
Unha vez coñecido o resultado da votación Quique Costas declarou sentirse “preocupado pola baixa participación que se produciu nestas primarias. Se ven o feito de que esteamos aínda a un ano das eleccións municipais pode explicar en parte certa desmobilización dos membros da Iniciativa, isto debera terse visto paliado pola concorrencia de dous candidatos no proceso, é algo que haberá que analizar para poñer en marcha mecanismos de activación da nosa xente”. “En todo caso, agora é momento de poñerse a traballar para estarmos en condicións de aquí a un ano de competir para gañar unhas eleccións nas que temos moitas posibilidades despois de que en 2015 apenas 36 votos de diferencia co PP nos separaron de ser a forza máis votada”.
O candidato electo felicitouse polo clima de cordialidade que se deu durante o proceso electoral: “Mertxe Álvarez e máis eu somos, ante todo, compañeiros dentro deste proxecto e na campaña das eleccións internas quedou de manifesto que temos unha visión común sobre a maioría das cuestións. Non foi unha confrontación, apenas un debate de estratexias e sobre quen é o candidato que mellor pode afrontar as eleccións. Naturalmente o futuro de Ames Novo ten que ser construído conxuntamente con todas as mans, as de aquelas persoas que votaron a Mertxe, as que me votaron a min e as que non votaron. Agora comeza para min unha nova tarefa, a de reactivar a organización e intensificar a nosa presenza pública percorrendo o camiño que permita que no próximo ano haxa unha verdadeira Asemblea Cidadá que tome as rendas da Iniciativa Cidadá en todo o percurso electoral que rematará nas Municipais da primavera próxima, unha asemblea que integre todo o espazo diverso da esquerda amesá que quer un verdadeiro goberno de cambio, despois da frustración destes catro anos dun goberno n o que as forzas minoritarias da esquerda decidiron entregar o goberno ao PSOE”.