En Marea pedirá no Parlamento e Congreso que se declare zona catastrófica Paramos-Guillarei
Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso, sinalou tamén que a formación solicitará do goberno central que se declare Paramos-Guillarei como zona catastrófica
As rúas de Tui enchéronse, pese á chuvia, da reclamación da veciñanza de que a Xunta de Galicia cumpra coas promesas e faga efectivas as axudas anunciadas trala explosión en Paramos-Guillarei. A manifestación, convocada pola Asociación de afectadas Paramos-Guillarei, reclamos que as vítimas da explosión recuperen as súas casas e reciban a atención necesaria para recuperar a súa vida. Luís Villares, voceiro de En Marea, e Alexandra Fernández, deputada por esta mesma formación no Congreso, apoiaron estas reclamacións e anunciaron que se pedirá tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso que se fagan efectivas as axudas tal e como foron prometidas e que se declare zona catastrófica Paramos-Guillarei.
Luís Villares sinalou que a Xunta está "facendo propaganda asegurando que xa están abonadas as axudas, pero isto é unha mentira porque segue habendo familias que non recibiron todas as axudas". O voceiro de En Marea reclamou tamén que se preste a "axuda psicolóxica ás vítimas que a Xunta está negándose a concedela a pesar de que recoñeceu que era necesaria".
En sentido similar, Villares tamén indicou que non é "aceptable que no que está comunicando a Xunta as axudas para recuperación de vivenda non sexan do 100% do valor da vivenda". Luís Villares apuntou que a Xunta está tentando "reducir estas axudas ao 80% no caso de primeira vivenda e no 40% no caso de segundas vivendas", unha reducción das axudas que para o voceiro de En Marea "son completamente inxustas e inaceptables para as vítimas da explosión que, segundo a Xunta, van ter que desembolsar moitos cartos para recuperar o que perderon nunha explosión que non foi culpa deles".
No Parlamento de Galicia, ademais destas reclamacións, En Marea pedirá que de maneira inmediata comecen as obras de desentullo que é unha "actividade imprescindible para que poidan comezar a reconstrución ou a nova construción das vivendas que desapareceron".
Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso, sinalou tamén que a formación solicitará do goberno central que se declare Paramos-Guillarei como zona catastrófica, o que favorecería a xestión das obras por facer e da xestión das axudas. Fernández sinalou que ata agora "En Marea estaba concedendo ao novo goberno un tempo de graza para tomar a decisión, pero a veciñanza está nunha situación de urxencia e o goberno debe tomar a decisións xa".