Un encontro debate os últimos avances en holografía e cromodinámica extrema
A holografía é unha ferramenta de cálculo para explorar o réxime fortemente acoplado das teorías de calibres
Colisións de ións pesados, estrelas de neutróns, fases QCD e transicións, semi-holografía ou efecto magnético quiral son algúns dos temas obxecto de debate no encontro Holography and extreme chromodynamics (HoloQuark 2018). O encontro reunirá en Compostela, na Hospedería de San Martiño Pinario, medio cento de especialistas dende o luns 2 ata o xoves 5.
A holografía é unha ferramenta de cálculo para explorar o réxime fortemente acoplado das teorías de calibres. No obradoiro discutirase o progreso alcanzado nos últimos anos na formulación de modelos realistas que se poden atopar en todo o diagrama de fase de QCD, como poden ser os réximes de alta temperatura e/ou alta densidade, transicións de fase, extinción de chorro ou efecto magnético quiral, entre outros.
Tamén se prestará atención aos métodos que se están desenvolvendo para abordar problemas específicos como semi-holografía ou relatividade numérica.