"Conecta con Galicia" trae os primeiros 41 participantes da edición deste ano
Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coaDirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiron os primeiros 41 participantes da edición deste ano do programa da campaña de verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos que residan no Exterior e que aterraron nas últimas horas en territorio galego.
Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coaDirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, coa que se pretende que este colectivo teña a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, así como atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da campaña de verán da consellería.
O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozos e mozas coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia –ao mesmo ou superior nivel– dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
Así, o programa permite que 162 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en forma de actividades de aire libre que comprenden actividades no mar e actividades do Camiño de Santiago. Destas actividades beneficiaranse 162 mozos e mozas galegos residentes no Exterior, distribuídos en dous grupos de idade: de 14 a 17 anos e de 18 a 20. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días –do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo– as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.