miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Daniel Lorenzo detalla o soño de converter a Santiago nunha cidade de “valor museístico” promovendo o acceso a súa riqueza patrimonial co programa Compostela Sacra

Daniel Lorenzo detalla o soño de converter a Santiago nunha cidade de “valor museístico” promovendo o acceso a súa riqueza patrimonial co programa Compostela Sacra
Daniel Lorenzo detalla o soño de converter a Santiago nunha cidade de “valor museístico” promovendo o acceso a súa riqueza patrimonial co programa Compostela Sacra

O director da Fundación Catedral ingresou hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes como académico da sección de arqueoloxía e museoloxía, nun acto celebrado no Paraninfo do Pazo de Fonseca

O director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos (Pobra do Caramiñal, 1963) pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico da sección de arqueoloxía e museoloxía. O acto, que se celebrou esta tarde no Paraninfo do Pazo de Fonseca, estivo presidido polo titular da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Emocionado e agradecendo a presenza de familiares e amigos, Daniel Lorenzo pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Soños e proxectos sobre o Museo Catedral”. Para comezar, quixo agradecer sinceramente esta distinción outorgada pola Real Academia Galega de Belas Artes, unha tarefa para a que é consciente da súa “responsabilidade” e que tentará desempeñar con “lealdade e dedicación”, co obxecto de fomentar a investigación, a dedicación ás artes, a publicación de textos e, en xeral, a difusión monumental e artístico-cultural de Galicia, ademais de promocionar a produción artística, asesorar a organismos públicos e privados para a defensa, conservación e restauración do patrimonio cultural.

Aínda que cualificándose como académico “atípico”, ao non dispoñer de formación específica en museoloxía e museografía, Daniel Lorenzo confesou a súa condición de autodidacta, animado polo seu gusto pola arte e a beleza, paixón que desenvolve desde 2011 como director da Fundación Catedral de Santiago, que segundo as súas palabras é un “instrumento axeitado e eficaz para promover a xestión do patrimonio cultural da Catedral”.

Nun momento da súa disertación, Lorenzo sucumbiu ás lembranzas facendo un esbozo biográfico do seu antecesor como académico, Fernando Acuña Castroviejo, ao que louvou rememorando as súas investigacións nas pegadas romanas, como os mosaicos, esculturas, epigrafía e numismática, moitas delas pertencentes ás coleccións arqueolóxicas da Catedral.

Recitando diversos versos de Cabanillas, García-Bodaño ou Luís Seoane, Daniel Lorenzo mergullouse nos ricos fondos artísticos dunha Catedral “senlleira e maxestosa”, sen os que non se entendería a cidade de Compostela nin Galicia, encabezados por pezas como o Códice Calixtino ou o Pórtico da Gloria. No caso desta obra de arte realizada polo Mestre Mateo, Lorenzo explicou que actualmente xa está finalizado o seu proxecto de restauración, mecenado pola Fundación Barrié, e que se presentará o próximo luns día 2 de xullo. Neste punto, lembrou que se precisa elaborar un programa rigoroso que garanta a súa conservación, demandado polo estado da policromía e do soporte pétreo, así como pola responsabilidade coas próximas xeracións.

De forma máis detallada, o coéngo explicou que, tralas devanditas remodelacións da Catedral ao longo dos séculos, o templo é na actualidade un mosaico no que están presentes todos os estilos artísticos e representados os mellores arquitectos e escultores, pero sen perder a esencia que tiña no inicio da súa construción no ano 1075. “A nosa Catedral continúa a ser un templo aberto e vivo polo que cada ano pasan millóns de fieis, peregrinos, turistas, visitantes e composteláns” –sinalou–. Desde un punto de vista patrimonial, destacou un dobre reto: conservar unha obra de arte que contén numerosas pezas artísticas e acadar o necesario equilibro para que millóns de persoas, con diferentes motivacións e usos do edificio, o gocen confortablemente, coa maior seguridade para visitantes e o patrimonio cultural que acubilla o templo.

Nesta liña, Lorenzo subliñou que o Museo Catedral xoga un papel fundamental, dada a complexa xestión do conxunto respecto a outros monumentos relixiosos. Ten como misión a xestión, estudo, conservación e difusión dunha parte importante do patrimonio da Catedral, principalmente no referente ás coleccións artísticas de arqueoloxía, escultura, elementos arquitectónicos, numismática, pintura, ourivería, tapices e outras artes téxtiles, ademais doutros ámbitos sensibles como as escavacións arqueolóxicas e os restos ocultos.

Segundo relatou, xa se acometeron actuacións urxentes de conservación e rehabilitación no complexo catedralicio, en consonancia con Plan Director da Catedral de 2009 e co apoio do Goberno de España, Xunta de Galicia e Consorcio de Santiago, na fachada da Acibechería, Pórtico Real, Torre do Reloxo, e recentemente as Torres e fachada do Obradoiro e o Ciborio e a restauración do Pórtico da Gloria, ademais de estar en marcha outras actuacións nas cubertas da Catedral.

Comentarios
Lo más