Iniciada a licitación de dous contratos complementarios de rozas e mantemento
Outro dos proxectos que comezou o venres o seu procedemento de adxudicación é o de instalación de nova sinaléctica no rural
A Xunta de Goberno aprobou o venres o inicio de licitación de dous contratos complementarios para a execución de rozas en viarios e parcelas municipais e para actuacións de mantemento de pavimentos. A cada un deles destinaranse 121.000 euros.
A proposta do concelleiro delegado de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, o venres iniciouse o procedemento de adxudicación dun contrato complementario para a execución de rozas, limpeza e mantemento de marxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais. O orzamento previsto é de 121.000 euros, IVE incluído. Do mesmo xeito, acordouse abrir o procedemento de adxudicación do contrato para a reparación de pavimentos nos viarios municipais, tamén cun importe de 121.000 euros.
Aínda en materia de obras, o venres quedou adxudicado o contrato para a mellora da pavimentación do viario de acceso ás Pereiras. A alcaldesa en funcións explicou que esta actuación "custará algo máis de 62.000 euros, procedentes do POS da Deputación da Coruña, e poderá arrancar neste mesmo verán". María Rozas lembrou, ademais, que se trata duns traballos que viñan sendo longamente demandados pola veciñanza da parroquia da Gracia.
Outro dos proxectos que comezou o venres o seu procedemento de adxudicación é o de instalación de nova sinaléctica no rural. Trátase dunha iniciativa que fora seleccionada no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. A alcaldesa en funcións explicou que "a proposta tiña pouco orzamento dentro do proceso Compostela Decide, só 20.000 euros, porque fora das menos votadas dentro das gañadoras, e o Goberno decidiu completar a partida con outros 40.000 euros a maiores".