As start-up Gallaecia Guardians e iTechTerm, elixidas mellores propostas dos centros Explorer de Santiago e Lugo
Os seus promotores viaxarán a Silicon Valley dentro do programa de actividades do programa Explorer
A presentación de proxectos xurdidos puxo fin á novena edición do programa Explorer nos seus centros de Santiago e Lugo. Como recoñecemento aos mellores proxectos, o programa sufragará a viaxe do mellor proxecto de cada un dos dous centros a Silicon Valley xunto a outros 51 emprendedores/as de toda España, Arxentina e Portugal.
Do centro Explorer USC Santiago e de entre 30 emprendedores que participaron no programa, obtivo a praza para Silicon Valley Mauro Paz Rodríguez por Gallaecia Guardians, unha start-up que se constituirá como entidade de asesoría e publicidade no sector dos E-sport e videoxogos. Como explica o seu promotor, a iniciativa ofrece solución ás dificultades de captación de clientes novos a través da publicidade convencional. Ademais ofrece a afeccionados dos E-sports de Galicia un club propio da súa comunidade da que poder sentirse parte a través de todas as actividades presenciais e en liña que se executarán.
Do mesmo centro, Alba Sotomayor Vázquez, promotora da idea Hospiband, e Sergio Álvarez con David Reza, promotores de Airmail Box, resultaron finalistas dos premios Woman Explorer Award e Disruptive Technology Explorer Award, respectivamente.
Elio López García e Óscar Guasch son os impulsores de iTechTerm, elixida mellor idea do centro Explorer USC Lugo, no que seguiron o programa un total de 23 emprendedores. iTechTerm ofrece un innovador sistema de monitorización e control de variables sanitarias de gando vacún para mellorar a xestión das explotacións gandeiras por medio da detección precoz de enfermidades e datos de produción animal. Elio López e Óscar Guasch explican que este seguimento en tempo real a posible a través dun sensor de temperatura subcutáneo que unido a unha tecnoloxía baseada na análise de datos por algoritmos de intelixencia artificial permite a detección precoz fronte a cambios de saúde no animal.
Deste mesmo centro Explorer, Patricia González Rodríguez e Ángela Ávila López, promotoras de Green Design, e os premiados Elio López e Óscar Guasch resultaron finalistas dos premios Woman Explorer Award e Disruptive Technology Explorer Award, respectivamente. O programa Explorer impúlsao Banco Santander a través de Santander Universidades, coa coordinación do Centro Internacional Santander Emprendimento (CESI) no marco da iniciativa global Santander X.
Os premiados e premiadas viaxarán o 15 de novembro a Silicon Valley, California, con restantes 52 emprendedores premiados noutros puntos de España, Arxentina e Portugal para explorar xuntos o principal ecosistema de tecnoloxía e innovación do mundo. A viaxe inclúe clases maxistrais en universidades como Standford ou Berkeley, contacto con inversores e visitas a empresas tecnolóxicas punteiras como Google, Facebook, Linkedln ou Airbnb. O obxectivo da experiencia é inspirar e potenciar aos novos emprendedores para acelerar o desenvolvemento dos seus proxectos, brindándolles conexións para a internacionalización dos seus proxectos e a busca de financiación, ao tempo que se xera unha comunidade que crea sinerxías moi enriquecedoras tanto a nivel persoal como profesional.
Ao seu regreso, todos os premiados asistirán á Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte onde o xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras seleccionarán os gañadores/as nacionais de Explorer 2018. As mellores propostas recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para a aceleración dos proxectos.