A violonchelista Barbara Switalska pon o broche final ao ciclo ‘Oculta Polifonía’ de Bach
Como intérprete de música de cámara desenvolve unha intensa actividade nos festivais internacionais de Europa
O ciclo ‘Oculta polifonía’ rematará o luns, 2 de xullo, logo de acoller en seis concertos as Tres sonatas e Tres partitas para violín só (BWV 1001-1006) e as Seis suites para violonchelo só (BWV 1007-1012) de Johann Sebastian Bach.
A clausura do ciclo corresponderalle á violonchelista Barbara Switalska, que ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade interpretará as Suites n.º 3 en Do maior, BWV 1009 e n.º 5 en Do menor, BWV 1011.
Nada en Wroclaw (Polonia), Switalska foi gañadora do Concurso Nacional de violonchelo do seu país e galardoada con numerosos premios. Actuou como solista en diferentes países de Europa e América, o Teatro Arriaga, o Teatro de la Maestranza, a Fundación March e o Auditorio Nacional de música, entre outros.
Como intérprete de música de cámara desenvolve unha intensa actividade nos festivais internacionais de Europa e colaborou con músicos como Arnulf von Arnim, Leon Spierer, Ivan Monighetti, Michael Portal, Tatiana Samuil, Maria Joao Pires e o Quinteto Miró.
Foi profesora do Conservatorio Superior de Zaragoza, Escola de música Berenguela e desde hai varios anos éo da EAEM, ademais de violonchelista co principal da Real Filharmonía de Galicia.
En todas e cada unha das obras mestras que trata o ciclo pódense atopar as técnicas máis complexas de composición manexadas por Bach ao longo da súa carreira. No seu conxunto, como lembra o profesor da USC Javier Garbayo nas notas ao programa, sobre as obras para violín e violonchelo sen acompañamento de Bach, o musicólogo Manfred Bukofzer sinalou que se trata dos monumentos máis grandiosos da música polifónica escrita para instrumentos de corda de toda a historia; en especial, as sonatas e partitas para violín, concibidas como tres sonatas de igrexa e tres de cámara.
O tipo de instrumentos para os que Bach concibiu esta música, o violín e violonchelo barroco, contaban na época con importantes diferencias morfolóxicas e sonoras respecto dos actuais. “É este un principio que debemos ter en conta á hora de considerar estas composicións, pois remiten á idea orixinal de Bach que se viu adaptada ás circunstancias actuais da interpretación”, matiza Garbayo.