O Grupo Municipal Popular reitera a súa petición de medidas que faciliten aos santiagueses o coñecemento dos seus edificios históricos de difícil acceso ao público
Esta iniciativa supón aumentar o poder de atracción cultural e turístico da cidade e un maior estímulo para a prolongación da estadía na cidade dos visitantes, un dos obxectivos prioritarios na estratexia de desenvolvemento turístico
O Grupo Municipal Popular reiterará no vindeiro Pleno do mes de xullo unha solicitude para que o Goberno de Martiño Noriega desenvolva unha serie de medidas que faciliten aos santiagueses o coñecemento de edificios históricos que son de difícil acceso ao público.
Esta iniciativa supón acrecentar o poder de atracción cultural e turístico da cidade, coa posta a disposición de novos e valiosos espazos de referencia que, ademais da incidencia directa para as persoas residentes, supón un maior estímulo para a prolongación da estadía na cidade, un dos obxectivos prioritarios na estratexia de desenvolvemento turístico.
Para elo, "faise necesario elaborar un inventario básico dos edificios do termo municipal que reúnan un interese especial desde o punto de vista histórico e cultural e que presenten acusadas limitacións para o acceso e a visita do público en xeral".
O Grupo que dirixe Agustín Hernández propón convocar o Consello Municipal de Turismo para planificar de forma eficaz e realista os horarios máis axeitados para cada edificio, ademais de facer unha valoración dos custos desta medida e á fórmula para asumilos de forma consensuada entre as distintas entidades interesadas.
Para isto, "o Goberno de Compostela Aberta deberá traballar co obxectivo de que a principios do vindeiro ano se poida ter incorporado algún novo edificio, ao rexistro que xa existe, como froito do labor da Comisión e difundir a súa posta a disposición da veciñanza e das persoas que nos visitan".
Unha das primeiras iniciativas aprobadas no actual mandato foi a presentada polo Grupo Popular na que se propoñía a colaboración do Concello para facilitar as visitas a edificios de carácter histórico e cultural. Tratábase de procurar a ampliación de horarios de visita de certos monumentos de interese cultural e artístico que, pola falta de persoal para ese fin, apenas poden ser coñecidos no seu interior, tanto pola veciñanza como pola inmensa maioría das persoas que visitan a cidade.
"Despois de case ter transcorridos tres anos, nada se ten feito ao respecto para iniciar e moito menos acadar a finalidade proposta, a pesar da boa disposición que teñen demostrado as persoas responsables das entidades titulares para colaborar na difusión do legado que contribúen a manter. Daquela citábanse, entre os edificios susceptibles desa promoción, a Colexiata de Sar, os conventos do Carme, de Santa Clara, das Madres Mercedarias ou a Igrexa de San Fructuoso".
Son unha mostra de lugares singulares onde a visita só é posible coincidindo co horario de celebracións puntuais, que acubillan valiosas mostras de arte e en cuxo mantemento e recuperación ten colaborado en maior ou menor medida o Concello, a través do Consorcio da Cidade, cuestión que debe ser valorada e tida en conta para o fin perseguido.
Conforme a ese interese, o acordo aprobado en setembro de 2015 instaba ao Goberno municipal a que “promova unha liña de colaboración coa Xunta de Galicia e coas entidades titulares daqueles edificios de carácter histórico e cultural que teñan limitacións no horario de visitas ao seu interior, na procura dunha medida que poida facilitar o acceso público e a posta en valor dese patrimonio.”
Para os Populares esta medida trátase impulsar con vontade, imaxinación e capacidade de xestión un traballo que logre unir ás partes implicadas, acordar posibles vías de participación e atopar a fórmula que faga posible unha medida que debería ser beneficiosa para todos.