Nova edición do Camiño ao Gaiás
Por oitavo ano consecutivo, a Fundación USC Deportiva e a Cidade da Cultura organizan o programa de sendeirismo ‘Camiño ao Gaiás’, con camiñadas comentadas e de balde as tardes dos xoves de entre o 5 de xullo e o 13 de setembro e catro sesións nouturnas
Por oitavo ano consecutivo, a Fundación USC Deportiva e a Cidade da Cultura organizan o programa de sendeirismo ‘Camiño ao Gaiás’, con camiñadas comentadas e de balde as tardes dos xoves de entre o 5 de xullo e o 13 de setembro e catro sesións nouturnas. A actividade, de balde previa inscrición, está pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos.
Os percorridos diúrnos arrancan ás 19:00 horas desde a oficina de Turismo de Santiago, en plena rúa do Vilar, e tras pasar pola Rúa Nova, a igrexa de Santa María Salomé, a Facultade de Xeografía e Historia e o Mercado de Abastos, a ruta atravesa Virxe da Cerca para adentrarse no Parque de Belvís e desembocar no Sar, admirando a Colexiata e remontando o curso do río polo paseo fluvial. A continuación visitarase o Bosque de Galicia, subindo ao monte polas sendas naturais deste espazo verde e percorrendo puntos como o miradoiro do alto do monte –onde contemplar unha das vistas menos coñecidas de Santiago– e o Parque do Lago.
Unha vez na Cidade da Cultura, ademais de visitar o complexo arquitectónico, as persoas que queiran ampliar un pouco máis a xornada terán a oportunidade de gozar de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre que todos os xoves, venres e sábados de xullo e agosto enche de música o solpor da Praza Central do Gaiás.
Camiño ao Gaiás reedita tamén este ano as andainas en formato nocturno en catro das sesións –1 2 e 19 de xullo e 9 e 16 de agosto–. A actividade propón un percorrido inverso, logo de asistir ao concerto de Atardecer no Gaiás camiñarase cara ao centro histórico.