Residentes de Galicia e Asturias fórmanse en Santiago en diálise peritoneal
O servizo de Nefroloxía da área compostelá organiza por 5º ano consecutivo este encontro no que xa teñen participado preto de 150 facultativos. Na actualidade hai 39 pacientes que se benefician das técnicas domiciliarias de diálise en Santiago: 36 en diálise peritoneal e 3 en hemodiálise domiciliaria
Preto de 150 nefrólogos e residentes de Galicia e Asturias teñen acudido ás cinco edicións da Xornada Formativa en Diálise Peritoneal para Residentes que organiza o servizo de Nefroloxía da área compostelá, deles, máis de 60 son residentes.
“Nesta reunión búscase que os asistentes reciban unha visión global daqueles aspectos da diálise peritoneal para a súa formación como nefrólogos que consideramos de maior interese”, subliña Cándido Díaz, xefe do servizo de Nefroloxía da área sanitaria.
Como relatores contan con facultativos que ofrecerán unha visión integral e actualizada dos devanditos temas con obxecto de que “poidamos seguir aprendendo e consolidando os coñecementos teóricos desta importante modalidade de tratamento substitutivo da función renal”, destaca Díaz. No encontro búscase crear un ambiente de debate, e conseguir que os residentes compartan as súas inquietudes e dúbidas, coa participación activa de todos os asistentes para que sexa máis produtiva e poder así tratar aspectos prácticos sobre diferentes temas relacionados a técnica, mellorando a atención integral dos pacientes con enfermidade renal crónica.
Servizo de Nefroloxía compostelán
Na área sanitaria de Santiago hai na actualidade 39 pacientes que se benefician das técnicas domiciliarias de diálise: 36 en Diálise Peritoneal e 3 en Hemodiálisis Domiciliaria. O servizo de Nefroloxía da xerencia sanitaria compostelá conta cun novo recoñecemento á calidade da súa asistencia sanitaria. Así, a Unidade de Enfermidade Renal Crónica Avanzada (ERCA) foi este año a segunda en España en acadar a certificación de calidade pola norma UNE-EN ISO 9001 de sistemas de xestión de calidade por AENOR. Así pois, gran parte do servizo traballa xa con sistemas de xestión certificados baixo requisitos internacionais de calidade, xa que tanto as Unidades de Diálise Domiciliaria e Hemodiálise do Hospital Clínico, como Hemodiálise do Hospital de Barbanza contan con certificados de calidade.
“A enfermidade renal crónica constitúe un grave problema de saúde pública pola súa elevada incidencia e prevaleza, importante morbilidade e custe asistencial e social”, subliña Cándido Díaz, xefe do Servizo de Nefroloxía da xerencia integrada compostelá. Que destaca o compromiso coa calidade asistencial de todos os profesionais do servizo cara os doentes, “dirixida a acadar unha atención segura e eficaz dentro dun marco de mellora continua na busca da excelencia”. Díaz tamén sinala a abordaxe integral e multidisciplinar da consulta de ERCA e, neste sentido, afirma que a de Santiago é unha das primeiras de España en levar a cabo realmente esta integración multidisciplinar, xa que á consulta do facultativo e do persoal de enfermería, suma unha consulta de intervención social, coordinada cos profesionais sanitarios e desenvolvida no propio hospital con persoal da Asociación Alcer.
Este programa de educación prediálise multidisciplinar busca concienciar mellor ao doente sobre a súa enfermidade e as opcións de tratamento, axudando a superar os temores á diálise e tendo un impacto significativo na frecuencia e elección das diferentes modalidades de diálise. De feito, segundo subliña Cándido Díaz, “tense documentado que este abordaxe integral mellora os coñecementos deficientes previos do doente, facilita a adhesión ao tratamento, aumenta o autocoidado e benestar aportándolle tranquilidade e apoio para afrontar a enfermidade. Ademais tamén contribúe a fomentar a participación activa do paciente na toma de decisións ao respecto á elección do tratamento renal substitutivo”.
Desde a súa posta en marcha en 2015 a consulta de ERCA atendeu máis de 560 doentes, deles 245 no pasado ano 2017. A consulta de intervención social atendeu 40 doentes no seu primeiro ano de andadura.
Pola súa banda na unidade de hemodiálise atendéronse 106 pacientes e realizáronse 11.705 sesións de hemodiálise ao longo de 2017. Da calidade e seguridade da mostra a baixa taxa de mortalidade en hemodiálise (HD) de toda a xerencia, máis de tres puntos por debaixo dos rexistros galego e español de enfermos renais.
En canto á Diálise Domiciliaria (que integra Diálise Peritoneal e Hemodiálise Domiciliaria), ao longo de 2017 atendéronse 45 pacientes en programa de Diálise Peritoneal e 2 pacientes en programa de Hemodiálise Domiciliaria. Realizáronse 319 revisións en consulta e 978 intercambios de diálise peritoneal no Hospital Clínico, tamén con taxas de mortalidade inferior aos rexistros galego e español.