Milladoiro a un paso de resolver os seus problemas ca N-550
Esta medida permitiría desviar o tránsito de 3.000 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro.
O alcalde de Ames, xunto a un dos representantes da Plataforma veciñal da N550, un dos concelleiros do PP de Ames, e o voceiro de Ames Novo, foron recibidos onte pola tarde polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, na Delegación Territorial da Coruña. A xuntanza foi acordada a pasada semana, despois da carta enviada ao Concello pola Conselleira de Infraestruturas, na que delegaba por cuestións de axenda, no delegado territorial a recepción dos representantes de Ames. Neste encontro trasladouse a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Ministerio de Fomento e Concello. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa lle transmitiu ao Ministerio o pasado 28 de maio, que está disposta a asumir a repercusión que sobre a rede autonómica teñan as demandas da Plataforma.
En dita xuntanza falouse do desvío dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Esta medida permitiría desviar o tránsito de 3.000 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría comezar a humanizar un pouco máis esta localidade amesá.
O rexedor municipal, José Miñones, dixo que “segundo informaron onte dende a Xunta de Galicia para levar a cabo este desvío non sería necesario asinar ningún convenio co Ministerio, tal e como se anunciara anteriormente en Madrid, o que facilitaría a posta en marcha desta medida. Sobre a necesidade de adaptación dunha rotonda nas Galanas, para o paso do tráfico pesado, informouse que esta actuación debe ser realizada polo Ministerio de Fomento e polo tanto deberase tratar agora co novo Goberno do Estado, para o cal o Concello ten xa realizado un contacto inicial. Agradecémoslle á Xunta de Galicia o compromiso acadado e esperamos que agora o Ministerio de Fomento estea á altura das necesidades que ten O Milladoiro”.
Os representantes do Concello e da Plataforma asistentes á xuntanza amosaron a súa satisfacción por este novo logro que permite desbloquear outro dos factores que impedían o desvío de tráfico pola autoestrada AG-56. Desde a Plataforma veciñal N550 cualifican “de moi exitosa a reunión mantida no día de onte e mailo apoio amosado pola Xunta de Galicia ante as demandas da veciñanza do Milladoiro. Tamén poñemos de relevo que coa mobilización e os veciños na rúa conséguense solucións, seguiremos mobilizándonos ata que o Ministerio de Fomento realice as actuacións necesarias e transfira a titularidade ao Concello da N550 e podamos gozar da avenida de Rosalía de Castro como o eixo integrador central do Milladoiro. Esta é unha pequena vitoria dos veciños do Milladoiro”.