Entrega de premios da XI Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego
A Fundación Antonio Fraguas Fraguas entrega hoxe os premios do XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. O acto estará presidido polo presidente da Fundación, Justo Beramendi, polo secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García e pola concelleira responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.
Nesta edición os traballos premiados foron os seguintes:
- Na modalidade de ensino primario, o proxecto Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, do CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo), polo esforzo en divulgar os elementos do patrimonio etnográfico e histórico da súa contorna, a través dun traballo de investigación escolar que culminará cun mural colectivo que sirva de referencia á comunidade local.
- Na modalidade de ensino secundario, o proxecto Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, do CPR María Inmaculada de Silleda, por favorecer as estratexias de investigación e divulgación que permitan o coñecemento de manifestacións artísticas no concello.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria como proxecto de innovación educativa.