O Hospital Clínico de Santiago introduce unha nova e sofisticada técnica de radiocirurxía
O equipo está composto por profesionais dos servizos Oncoloxía Radioterápica, Neurocirurxía, Radioloxía e Radiofísica. Os pacientes máis beneficiados por esta nova técnica serán aqueles con metástases cerebrais
A xerencia de Xestión Integrada de Santiago introduce en Galicia unha nova e sofisticada técnica de radiocirurxía da man do equipo de Radiocirurxía, formado por oncólogos radioterápicos, neurocirurxiáns, neuroradiólogos e físicos.
A radiocirugía é unha técnica radioterápica de alta precisión que permite tratar lesións de tamaño reducido no cerebro. “A idea é depositar, normalmente nunha única sesión, subliña Antonio Gómez Caamaño, xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica, unha gran cantidade de enerxía na zona afectada con gran precisión tentando, por unha banda, eliminar o tumor ou metástase e, á vez, evitar na medida do posible toxicidade ao tecido san circundante”.
Co sistema ExacTrac instalado no acelerador Truebeam, posto en marcha no pasado 2017, conséguese aumentar a velocidade, precisión e exactitude no posicionamento do paciente, alcanzando unha precisión submilimétrica. Todo isto realízase sen técnicas invasivas, permitindo a localización tridimensional da zona de tratamento e controlar que non se produzan desprazamentos non desexados antes e durante o tratamento. Todo isto aumenta considerablemente a seguridade, exactitude e precisión da técnica.
Os pacientes máis beneficiados por esta nova técnica serán aqueles con metástases cerebrais, tumores cerebrais malignos (gliomas) e benignos (meningiomas, neurinomas do acústico); malformacións vasculares ou neuralxia do trixémino. As vantaxas para estes doentes son notorias “pasamos dunha precisión milimétrica a unha submilimétrica o que permite administrar doses maiores con mínima toxicidade no tecido san” insiste Gómez Caamaño.
Ademais, coa radiocirurxía convencional, o tratamiento de varias lesións era moi lento e non sempre era posible, xa que estaba limitado a un máximo de catro sesións. O novo sistema permite tratar múltiples lesións metastásicas en localizacións complexas coa máxima precisión (10-15 lesións).
O sistema ExacTrac axiliza notablemente o tratamento, o que redunda no confort do paciente e na posibilidade de realizar máis sesións. O posicionamento do paciente é moito máis rápido, xa que antes se facía manualmente e agora de xeito automatizado: redúcese de 15 a 2 minutos; tamén diminúe o tempo de administración de tratamento: no caso dunha metástase cerebral única pásase de 30 minutos a 5-8 minutos. O procedemento anterior requiría de marcos de estereotaxia que había que fixar ao cranio do paciente, isto foi substituído por máscaras termoplásticas.
Radiocirurxía
O tratamento con radiocirurxía consiste na aplicación dunha dose de radiación alta e única nun volume tumoral pequeno. No Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela empezáronse a tratar pacientes ano 2004 con diferentes patoloxías mediante esta técnica. A Unidade de Radiocirurxía está composta por Oncoloxía radioterápica, Neurocirurxía, Neuroradioloxía e Radiofísica.
No pasado 2017 tratáronse con radiocirurxía 74 pacientes, fundamentalmente metástases cerebrais, aínda que, coa nova técnica, a demanda aumentará xa que se tende a substituír a irradiación holocranial (un tratamento paliativo) por un tratamento máis selectivo e radical (potencialmente curativo).
Renovación tecnolóxica Oncoloxía Radioterápica
O servizo de Oncoloxía Radioterápica está a realizar unha renovación tecnolóxica integral, o pasado ano entraron en funcionamento o novo TAC de planificación e dous novos aceleradores de última xeración: un deles o modelo TrueBeam, a máis alta gama no mercado que permite a incorporación desta nova técnica. Tamén está previsto renovar o terceiro, polo que ao longo de dous anos a Xerencia Integrada de Santiago verá renovados totalmente os seus tres aceleradores lineais.