Servizos especiais de transporte urbano por motivo do O Son do Camiño
Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por un servizo lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado
Con motivo da celebración do festival O Son do Camiño produciranse as seguintes modificacións no tráfico:
- Pecharanse á circulación as rúas das Estrelas, do Gozo e Agra dos Campos dende as 12.00 horas do xoves 28 ata as 3.30 h do domingo 1 de xullo, excepto para os autobuses urbanos, taxis e residentes.
- En función da densidade do tráfico poderán sufrir cortes puntuais as rúas Senande e San Marcos
Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por un servizo lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado. Para facilitar o estacionamento do mesmo reservarase o aparcamento do Estadio de San Lázaro para asistentes ao evento.
TRANSPORTE URBANO
Habilitarase un servizo lanzadeira, que funcionará durante os días 28, 29 e 30 de xuño de forma continuada. O servizo arrincará ás 12:00 o xoves e ás 14:00 horas o venres e o sábado, e finalizará ás 3:30 horas o xoves e ás 4:30 horas o venres e o sábado.
O punto de saída será a rúa do Hórreo, no carril bus fronte á estación de ferrocarril. Este servizo directo irá ata a rotonda de confluencia das rúas das Estrelas e de Agra dos Campos (ida e volta polo periférico e pola rúa das Estrelas). As lanzadeiras realizarán percorridos tanto de subida como de baixada en todo momento durante o período indicado.
Ademais, os asistentes aos concertos dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo. Así, a liña 6 (Os Tilos – San Marcos), con prolongación ata o estadio de San Lázaro, fai paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos, Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, as frecuencias serán de 20 minutos o xoves e o venres, e de 30 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: rúa do Hórreo (estación de ferrocarril), rúa do Hórreo (Parlamento), rúa do Hórreo nº 23, rúa da Ensinanza e rúa da Virxe da Cerca nº 10.
Os tres días do festival, a liña 6 realizará unha prolongación pola avenida de Fernando Casas Novoa para atender a posible demanda de usuarios que deixen os vehículos estacionados no aparcadoiro do Estadio de San Lázaro, dende as 14:00 horas ata a finalización dos servizos da liña, ás 23:00 horas. A parada provisional estará sinalizada.
En canto á liña 7 (Valle-Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos). Terá unha frecuencia de 60 minutos todos os días do festival. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: rúa de Valle-Inclán (lateral coa rúa de San Roque), rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e praza de Galicia nº 3.
Nos servizos de volta, a partir das 00:00 horas, haberá un autobús reservado e identificado con acceso ao aparcadoiro de San Lázaro, para cubrir a posible demanda de usuarios que desexen volver ao mesmo.
Estes servizos completaranse cun servizo lanzadeira para o domingo 1 de xullo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, con saída dende o punto de parada dos servizos de volta no Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos), ata a estación de ferrocarril, para posibilitar a saída do cámping.