Lousame prepara os campamentos de verán que terán como eixo o camiño inglés
Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 15 anos, terán lugar entre o 16 e o 20 de xullo
O Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia será o eixo temático da edición número dezaseis dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que terán lugar do 16 ao 20 de xullo. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “este ano quixemos aproveitar os traballos que estamos a realizar a prol da oficialización do trazado do Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia para que os nosos nenos e nenas coñezan este itinerario Xacobeo combinando actividades relacionadas co Camiño coas tradicionais saídas deportivas e de natureza”.
Así, os cinco días dos campamentos estarán divididos en “etapas”, se ben fisicamente a rapazada só fará un percorrido polo trazado do Camiño ao seu paso por Lousame o xoves 19 de xullo. Todas as actividades relacionadas co Camiño terán lugar a primeira hora da mañá: a orixe do Camiño (luns 16), valores da peregrinaxe (martes 17), o Camiño Inglés (mércores 18), percorrido do Portus Apostoli en Lousame (xoves 19) e trivial do peregrino (venres 20). Polo demais, o campamentos de verán de Lousame manteñen as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza que tanto éxito tiveron en pasadas edicións como as saídas á praia, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, a velada nocturna ou a gran festa acuática de despedida.
Os XVI Campamentos de Verán están dirixidos a rapaces e rapazas entre os 6 e os 15 anos de idade. Os prezos mantéñense igual ca en anos anteriores: 45 euros para empadroados ou residentes en Lousame e 65 euros para os de fóra do municipio. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, sendo o polideportivo municipal Pilar Barreiro a base de operacións.