Volve a Foliada con Apego este xoves 28 de xuño
Desta volta estará dinamizada polo músico e compositor Pablo Díaz e pola música Olga Kirk
A vindeira Foliada con Apego será este xoves, 28 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas.
Desta volta estará dinamizada polo músico e compositor Pablo Díaz e pola música Olga Kirk, compoñentes da exitosa banda Tic Tac, coa que realizan espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar.
A Foliada é unha ocasión para coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas no que as crianzas e as persoas que participen se irán introducindo no canto e no baile tradicional dun xeito espontáneo e natural.
As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e ás súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades.