Pontón confía en que Feijóo non se volva a presentar as eleccións do 2020
O que lle preocupa a Pontón non é o "futuro de Feijóo" unha vez que abandone a Presidencia da Xunta, senón o futuro de "todos os galegos"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confiou hoxe en que o ano 2020 supoña o "tope máximo" da etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, porque está a ser o "peor goberno da historia deste país".
En rolda de prensa, a portavoz nacional do BNG referiuse así á situación do PPdeG, formación na que xa están a xurdir voces que propoñen que Núñez Feijóo concorra aos comicios autonómicos de 2020 para optar a un cuarto mandato a pesar de que anunciou non ter intención de facer.
En todo caso, a nacionalista sostivo que o feito de que "Feijóo incumpra a súa palabra non nos sorprende a ninguén" porque "é unha constante".
En opinión de Pontón o ano 2020 "ten que ser o tope máximo porque este país necesita un cambio de rumbo" no Executivo autonómico para poñer fin "ao que é o peor goberno da historia deste país".
A herdanza que deixa Feijóo é unha Galicia "con máis paro e máis precariedade", ademais de con "servizos públicos máis deteriorados".
Por iso, o que lle preocupa a Pontón non é o "futuro de Feijóo" unha vez que abandone a Presidencia da Xunta, senón o futuro de "todos os galegos".
Lamentou así que as últimas declaracións de dirixentes populares en Galicia sexan unicamente "en torno ao ego do seu presidente", xa que a comunidade galega "merécese un goberno que estea á altura"