Compromiso propón unha rede de electrolineras públicas na cidade
Un modelo de cidade sostible ten que favorecer o uso de enerxías renovábeis
Compromiso por Galicia demanda a implicación das administracións públicas para a instalación dunha rede de puntos de recarga rápida de vehículos eléctricos en distintos puntos da cidade "unha capacidade de recarga até o 80% en 30 minutos". Diferentes estudos cifran entre 10 e 20 o número mínimo de puntos de recarga rápida por cada 100.000 habitantes. "A capital de Galicia non pode ficar atrás no impulso de vehículos con enerxías alternativas", sosteñen desde a agrupación galeguista e engaden "no canto de mirar cara a outras capitais europeas, que teñen deseñadas estratexias e plans para promocionar os uso de vehículos eléctricos, na nosa cidade estamos na cola dos que están na cola".
Segundo Compromiso, "mentres no Reino de España hai 3,8 puntos de recarga por cada 100.000 habitantes, en Santiago hai só un único punto público de recarga, situado preto do polígono Costa Vella". Con todo, a formación galeguista conta até 16 puntos de recarga de distintos tipos, situados en hoteis e centros comerciais na cidade, pero indicados para o uso exclusivo dos clientes, "polo que se trata dun servizo de cortesía, que dun servizo público".