A Xerencia de Santiago asina un acordo para a atención dos pacientes que non reúnen condicións sociosanitarias para voltar ao domicilio tras ser dados de alta no hospital
O convenio asinado coa Fundación de Estudos e Análises, FESAN, xorde da necesidade de incrementar os recursos para minimizar a problemática dos pacientes que carecen dunhas condicións de habitabilidade axeitadas e dunha rede socio-familiar capaz de dar soporte inmediato á súa situación.
A xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela ven de asinar un convenio de colaboración coa Fundación de Estudos e Análises (FESAN) para dar unha resposta inmediata aos pacientes que non reúnen as condicións socio-sanitarias necesarias para volver ao domicilio tras ser dados de alta do hospital.
Trátase dunha das actuacións que se enmarca dentro da aposta da xerencia compostelá pola mellora da atención e coidado do paciente crónico.
O acordo asinado xorde da necesidade de acollida dos pacientes que, unha vez dados de alta do hospital, non poden retornar ao seu domicilio ante a limitación de autonomía, consecuencia dunha nova situación clínica (pacientes que eran autónomos e pasan a ser dependentes tras un ictus, un infarto, unha fractura que os invalide temporalmente...); ante a falta de habitabilidade da súa vivenda, que ou ben non se tiña detectado ou non se adapta as súas novas necesidades; ante a escaseza de recursos; ou porque carecen de persoas do seu entorno próximo con capacidade e/ou dispoñibilidade para coidar delas.
Con este acordo, promovido polo servizo de traballo social da subdirección de calidade e atención ao doente da área sanitaria compostelá e asinado pola xerente de xestión integrada de Santiago, Eloína Núñez, e o presidente de Fundación FESAN, Manuel Rodríguez Sedano, os pacientes da área compostelá contan cunha resposta máis inmediata, eficaz e solidaria ás necesidades puntuais de ingreso intermedio ata o seu acceso a unha praza pública residencial ou a volta ao seu domicilio.
Os pacientes que poden acollerse ao convenio serán sempre valorados de xeito individualizado desde traballo social da Xerencia de Santiago e deben cumprir determinados requisitos, establecidos no acordo, entre eles, ter 60 o máis anos (agás casos excepcionais); ter limitada a súa autonomía persoal; carecer de familia e/ou rede social de apoio, ou cando nestas non poidan prestarlle os coidados necesarios (coidador de idade avanzada, con discapacidade...); imposibilidade dun acollemento noutra unidade de convivencia na súa familia; que o ingreso no centro sexa a única alternativa posible; que teña escasos recursos económicos; e que teña todos os trámites realizados para acceder a unha praza en centro residencial pública, xa que o carácter da acollida no centro é sempre temporal.
Só na área de Santiago hai case 13.500 maiores de 70 anos e un terzo dos concellos da área teñen un 30% da poboación con máis de 65 anos. A idade media dos doentes que acoden a unidade de pluripatoloxías da xerencia de Santiago é de 85 anos, e as enfermidades máis prevalentes son as neurolóxicas (demencia) e en segundo lugar as cardiovasculares, que seguen a ser as que máis afectan ás persoas maiores que sobreviven a un ictus ou a un infarto agudo de miocardio.
Este convenio tamén lle dará resposta a unha necesidade propia de tódolos hospitais públicos, xa que poderase evitar prolongar innecesariamente a súa estancia no hospital, facilitando o acceso ao sistema sanitario doutros doentes con problemas agudos de saúde que requiran hospitalización, garantindo ao mesmo tempo seu acceso a unha atención axeitada e de calidade.