Adxudicación provisional da renovación de pavimento e instalación dunha rede de pluviais na rúa Castelao en Aguiño
De entre as 28 ofertas presentadas, a que obtivo unha mellor clasificación resultou ser Canarga SL, cunha oferta de 117.256 euros, IVE incluído
O Concello de Ribeira informa da adxudicación provisional dunha nova actuación para a renovación do pavimento asfáltico e instalación dunha nova rede de pluviais na rúa Castelao, situada na parroquia de Aguiño.
De entre as 28 ofertas presentadas, a que obtivo unha mellor clasificación resultou ser Canarga SL, cunha oferta de 117.256 euros, IVE incluído. A actuación está adscrita ao Plan POS+ 2017 da Deputación e o seu prazo de execución é de tres meses.
Conforme ao proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais, a estrada obxecto do proxecto rexistra un firme de calzada bastante deteriorado tanto en lonxitude como en anchura.
O obxectivo fundamental que persegue a obra é pavimentar cunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente toda a zona de actuación nunha superficie de 10.110 metros cadrados previo fresado da mesma. Ademais serán construídos catro pasos elevados de peóns.
A actuación comprende unha instalación nun tramo da vía dunha rede de pluviais consistente nunha tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro ao longo de 210 metros. O pavimento das beirarrúas afectadas como consecuencia desta instalación serán repostas.