Milladoiro sae a rúa para reclamar unha solución á N550
Un cento de persoas tomaron a estrada principal do Milladoiro para pedir solucións un problema que se leva xestando dende fai anos
A Plataforma pola humanización da estrada N550 ao seu paso polo Milladoiro convocou unha manifestación para onte, 21 de xuño, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico.
Os manifestantes baixaron pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volveron pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena onde rematou. Dende a devandita plataforma solicitan a participación da veciñanza amesá para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización.
Un centenar de persoas acudiron á chamada. Unha columna de xente baixou pola N550 paralizando o tráfico e dando pitidos aos camións que pasaban ao seu carón. Representantes políticos encabezaban a marcha seguido dos veciños e veciñas do Milladoiro que baixo o lema "Que isto se mova... Depende de ti!" foi un chamamento de atención tanto á Xunta e ao Ministerio de Fomento para poder atopar solucións aos problemas desta estrada que divide a este vila en dous entes separados.
ACORDOS DA PLATAFORMA
Na asemblea xeral realizada o pasado 5 de xuño, a plataforma veciñal N550 acordou solicitar unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Dende a Corporación municipal solicitouse unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, pero dita reunión non se mantivo ata este momento. Debido a iso, dende a Plataforma consideran que é necesario manter dita xuntanza coa conselleira para abordar as medidas a curto prazo que se poden executar.
Ademais, a Corporación municipal solicitará unha nova reunión con representante do ministerio de Fomento, tralos cambios producidos no goberno do Estado. Cómpre lembrar que, na xuntanza do pasado mes de marzo, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro, para desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. A realidade é que en ditos Orzamentos non hai ningunha partida para tal fin.