En Marea denuncia o intento constante da Xunta de entorpecer as reivindicacións da xustiza para evitar o efecto chamada
Luís Villares ve nas denuncias a representantes sindicais un intento claro de frear as lexítimas reclamacións das traballadoras e evitar que estas se estendam ao resto do funcionariado
"O funcionamento da administración de xustiza é algo esencial nun estado democrático. E o que tivemos que padecer os últimos seis meses foi un intento constante por parte do Partido Popular desde a Xunta de Galicia de entorpecer unhas reivindicacións lexítimas e necesarias para o mellor funcionamento dun servizo público esencial". Son palabras do voceiro de En Marea, que este xoves arroupou en Vigo aos representantes dos sindicatos STAJ, CIG, e CUT represaliados polo seu papel na folga da xustiza.
Para En Marea resulta claro que os expedientes disciplinarios e citacións xudiciais a sindicalistas da xustiza son a guinda a meses nos que o goberno galego se esforzou por poñer couto ás reivindicacións duns traballadores que poderían ter servido de punta de lanza para o conxunto do funcionariado. E é que, tal e como destaca Luís Villares, a Xunta temía o "efecto chamada, porque se os traballadores de xustiza triunfaban o resto da administración iría detrás" E é que "desde que comezou esta lexislatura, os únicos que subiron o salario foron Núñez Feijóo e o seu goberno" (un 7,5% para o conxunto do executivo, e algo máis para o seu número un).
"Os traballadores iniciaron un camiño que non ten retorno, foron modélicos á hora de reivindicar a recuperación de dereitos. Porque a precarización laboral nos últimos anos non se produciu só no sector privado, seno tamén na administración", explica o voceiro de En Marea, convencido da necesidade de que a recuperación do PIB e a mellora da situación económica a nivel macro que está a experimentarse necesariamente debe ir acompañada dunha recuperación dos dereitos laborais "roubados e expropiados" e do poder adquisitivo da clase traballadora, tan mermados dende o inicio da crise.
Directriz política para impedir o axeitado funcionamento da xustiza
Nesa liña, Villares denuncia o "plan preconcebido" executado por Alfonso Rueda, co consentimento de Alberto Núñez Feijóo, para torpedear unhas reivindicacións que, ademais, puñan sobre a mesa a necesidade de dotar á xustiza de medios e instrumentos suficientes para o seu axeitado funcionamento. Pero non só. "Pensamos que non é casualidade, que existe unha directriz política clara por parte do vicepresidente da Xunta para evitar que as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da xustiza fosen adiante. Porque o entorpecemento da xustiza favorece ao Partido Popular, que non está viviendo o seu mellor momento no que a xustiza se refire. Polo tanto, unha hipótese clara para nós é que o empeoramento das condicións laborais e a non posta a disposición de medios para que os xulgados poidan facer ben o seu traballo dificulta no ámbito penal a mellor investigación dos casos pendentes, tamén os de corrupción", expón o voceiro de En Marea.
Villares lembra que o esforzo do goberno galego por torpedear as mobilizacións e entorpecer o dereito á folga foi unha constante dende o inicio do conflito. "Antes da folga, cando comezaron os paros, dictáronse instrucións dende a Consellería para evitar que os traballadores puideran coller días libres e entorpecer así as mobilizacións que estaban comezando", explica o voceiro de En Marea. Que tamén fai referencia aos abusivos servizos mínimos impostos. "Nalgúns xulgados para poder cumprilos tería que haber máis funcionarios dos existentes, o que denota a mala fé por parte da administración", resalta.
O voceiro de En Marea tamén denunciou o proceder da administración galega no referente ao trato dispensado aos representantes sindicais e ao Consello Galego de Relacións Laborais. "Ninguneouse á presidenta do Consello, que facía funcións de mediación, a pesar da posición que ocupa. E non se respectou ao comité de folga durante as negociacións. Con eses precedentes era evidente que a persecución por parte de Rueda como escarmento tiña que continuar, e iso é o que estamos vivindo agora. Un plan preconcebido para evitar que se exerciten dereitos laborais en Galicia, que pretende ser un escarmento e un aviso ao resto da función pública", indica Luís Villares.
Así as cousas, En Marea continuará traballando dende o Parlamento de Galicia para "chegar ata o final na defensa dos dereitos dos traballadores. Pensamos que as reclamacións eran lexítimas e fundamentais para o exercicio dun servizo público esencial en democracia. E seguiremos aquí por eles pero tamén polo conxunto da cidadanía, para que a xustiza funcione mellor", indica Villares. Que lembra que estamos a falar dun servizo público esencial para a "hixiene democrática básica" e para "o coñecemento dunha estrutura institucionalmente corrupta, que o Partido Popular usa en beneficio propio", tal e como destacou a recente sentenza do Caso Gürtel.