Voz Stellae presenta na Igrexa as obras de nove compositoras loitadoras contra a desigualdade de xénero
O grupo Vox Stellae volve un ano máis á Igrexa da Universidade para participar nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago. Farao este venres 22 ás 20.30 horas
O grupo Vox Stellae volve un ano máis á Igrexa da Universidade para participar nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago. Farao este venres 22 ás 20.30 horas cun programa estelar que, baixo o título Espiritualidade con voz de muller, presenta por primeira vez en España as obras de nove compositoras de diferentes procedencias que loitaron e loitan contra as barreiras que dificultan a presenza igualitaria das mulleres na contorna musical.
Baixo a batuta do vigués Luis Martínez, a formación interpretará pezas de Hildegard Von Bingen (1098-1179), Cheryl Lynn Helm (1957), Sylvia E. Hazlerig (1934), Natalie Goossens (1976), Mary Simoni (1954), Carlotta Ferrari (1975), Iva Juras (1968), Sylvia E. Hazlerig (1934) e Tui St. George Tucker (1934-2004).
Vox Stellae
O grupo nace en 2003 con motivo dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Un dos seus sinais de identidade é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Ofrece concertos regularmente por toda a xeografía galega e interpretou o seu programa didáctico ‘O rodaballo con botas’ ante máis de 2.000 escolares.
Cun amplísimo relato de actuacións nos seus quince anos de vida e a colaboración con numerosas agrupacións e solistas, entre o seu repertorio destacan a estrea absoluta de Tres Imaxes de Compostela (M. Mato), a estrea en España da Misa en Sol a Santiago de Compostela (A. Tucapsky), as reestreas da Misa en Do M (Frei R. Salvado) e a Missa Voce Mea (C. de Medrano) ou a estrea en Galicia de Rothko Chapel (M. Feldman).
Dentro do proxecto de recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui, editou dous discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores do arquivo tudense: Defensor alme Hispaniae (2013), que recibiu o Melómano de Ouro (outubro 2015) e Salvete Flores (2016).