Luís Villares: “Agora que os seus compañeiros de partido o deixaron na estación, sen billete e sen tren, faga algo por Galicia e diga non á mina de Touro-O Pino”
O voceiro de En Marea recomendou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escoitar á cidadanía galega que saíu á rúa masivamente para dicir non á herdanza envelenada que o PP pretende deixar ao noso país
O voceiro de En Marea, Luís Villares, preguntou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polo proxecto mineiro de Touro-O Pino e destacou a desfeita que suporía para os concellos do Pino e Touro, así como a contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa e a afectación que implica para o Camiño de Santiago no seu tramo final antes de chegar a Compostela. “A xente pregúntase por que non dá carpetazo xa á mina e fai cumprir a lei” preguntou Villares ao presidente da Xunta.
“Vostede non sabe do que falo porque vostede só ve a Televisión de Galicia e a Televisión de Galicia non o conta. Porque os medios de comunicación públicos viven amordazados para non contar a verdade da desfeita que vostede fixo deste país nos últimos dez anos. Por iso dimiten os presentadores do telexornal e as traballadoras protestan cada venres negro” denunciou Villares.
O voceiro de En Marea lembrou a manifestación do pasado 10 de xuño na que máis de 30.000 persoas e máis de 140 organizacións da sociedade civil, entre elas varios concelleiros e alcaldes do PP manifestáronse a favor da vida e encontra da mina que o seu goberno pretende autorizar. “Non queren outra herdanza envelenada” asegurou.
A día de hoxe coñécense os informes sectoriais que revelan o grave impacto ambiental e social do proxecto, emitidos por organismos oficiais. A propia Xunta certifica a contaminación actual de ríos e acuíferos pola vella mina, o Estado cuestiona mesmo a viabilidade económica da explotación e critica a falta de rigor do proxecto, nun informe emitido polo Instituto xeomineiro de España. Ao que se suman as decenas de denuncias con datos e medicións actuais de contaminación das augas.
“Levamos dous anos perdidos cun presidente de cartón pedra que non fixo nada pola súa xente. Onte dicía nun medio de comunicación que o seu tren a Madrid pasara antes de tempo. Mentres vostede corría para coller o tren, os galegas perdemos pola súa culpa a autopista e o tren e moitos mozos e mozas colleron o avión porque con vostede viron que Galicia non tiña futuro” declarou o voceiro de En Marea.
Agora que os compañeiros de partido de Feijóo o deixaron “na estación, sen billete e sen tren, faga algo por Galicia: Dígalle non á mina de Touro-O Pino” pedíu Villares ao presidente da Xunta de Galicia.
Van a actuar agora tamén con “agostosía, variante popular da aleivosía, no mes de agosto, como fixeron coa publicación do proxecto, ou coa reforma sanitaria, para que os veciños non se podan defender”.
A Lei que o PP aprobou Cámara galega, de Depredación ambiental, permítelle ao presidente da Xunta dar carpetazo inmediato a un expediente en tempo récord. “É unha mala decisión política, unha vez máis, poñerse do lado dos intereses particulares e non do lado da xente. Porque ao final iso pasa factura. Vostede non renunciou a Madrid por Galicia. Foi derrotado en primarias antes do combate” engadiu o voceiro de En Marea. “A pregunta é para que se queda? Ten algo que ofrecer a Galicia” remarcou.
A cidadanía de Galicia ten esperanza no futuro e por iso se manifesta, reclamando os dereitos e a esperanza que o presidente da Xunta lles nega. “Eu, persoalmente, alégrome de que quedase. Así, os galegos e galegas teremos oportunidade de derrotalo nas urnas. Como fixemos con Fraga” concluíu o voceiro de En Marea.