miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A consulta de acto único de ELA da área sanitaria compostelá cumple tres anos ofertando unha actuación continuada multidisciplinar

A consulta de acto único de ELA da área sanitaria compostelá cumple tres anos ofertando unha actuación continuada multidisciplinar
A consulta de acto único de ELA da área sanitaria compostelá cumple tres anos ofertando unha actuación continuada multidisciplinar

A área sanitaria compostelá súmase á conmemoración do Día Internacional da ELA, mañá 21 de xuño. Hai 56 doentes a seguimento, dos que 14 son novos casos

A xerencia de Xestión Integrada de Santiago súmase á conmemoración, mañá 21 de xuño, do Día mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica. A Unidade de ELA da área sanitaria compostelá, dirixida polo neurólogo Julio Pardo, coordina desde 2015 cunha consulta de acto único que presta unha atención multidisciplinar a estes pacientes.

O doente é atendido o mesmo día e nunha mesma consulta sucesivamente polos diversos especialistas que o seguen: neurólogo, pneumólogo e experto en nutrición, evitando así desprazamentos aos pacientes. Julio Pardo subliña que “se comprobou que a atención en equipos multidisciplinarios mellora a supervivencia e calidade de vida destes pacientes, ao realizar un seguimento estrito e detectar a tempo as posibles complicacións respiratorias ou problemas para a deglución ou do estado nutricional e adoptar as medidas adecuadas en cada momento evolutivo da enfermidade”. Ademais, esta Unidade tamén conta coa colaboración de especialistas en dixestivo, otorrinolaringoloxía, logoterapia, psicoloxía, rehabilitación, asistentes sociais e atención domiciliaria, engade.

Un total 56 pacientes con ELA da área sanitaria de Santiago de Compostela están a seguimento na Unidade Multidisciplinar en consulta de acto único, con visitas ao hospital cada 3 meses. Deles 14 foron diagnósticados no último ano. A unidade multidisciplinar atendeu a outros 25 pacientes procedentes de toda Galicia na consulta de segunda opinión diagnóstica (máis de 200 pacientes nos últimos 10 anos), cunha demora menor de 15 días.

Abordaxe multidisciplinar

A pesar da súa baixa prevaleza, a Esclerose Lateral Amiotrófica constitúe un importante problema de saúde pola súa gravidade e polo importante sufrimento que supón para os pacientes e as súas familias. “A limitada esperanza de vida destes pacientes, a gran capacidade invalidante da enfermidade, a necesidade de coidados permanentes e cambiantes segundo a evolución da mesma, a gravidade das complicacións, o cambio de estrutura e dinámica familiar e os problemas emocionais e psicolóxicos que xera, son aspectos diferenciadores que requiren respostas áxiles, coordinadas e accesibles para o enfermo e a súa contorna familiar”, defende o neurólogo compostelá Julio Pardo.

Por iso, estes pacientes requiren unha abordaxe multidisciplinar, coa implicación de médicos de atención primaria, unidades de hospitalización a domicilio, neumólogos, dixestólogos, nutricionistas, psicólogos, fisioterapeutas, logopedas, terapeutas ocupacionais, entre outros profesionais.

ELA

A Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) é a terceira enfermidade neurodexenerativa máis frecuente, despois da enfermidade de Alzhéimer e da enfermidade de Párkinson. Aínda que se inclúe dentro das denominadas enfermidades raras, é unha enfermidade que os neurólogos diagnostican con certa frecuencia xa que ten unha incidencia entre 1 e 2 casos novos por cada 100.000 habitantes e ano, e unha prevalencia de 4-6 casos por cada 100.000 habitantes. En España, calcúlase que hai uns 4.000 pacientes con ELA e que se diagnostican entre dous e tres novos casos cada día. Nos últimos anos describiuse un aumento do número de pacientes con esclerose lateral amiotrófica, debido probablemente a un mellor diagnóstico e ao incremento da esperanza de vida da poboación xeral, o que supón un aumento da poboación susceptible de padecer a enfermidade.

A idade media de inicio é aos 60 anos (entre 40 e 70 anos), aínda que un 10% comeza antes dos 40 anos e un 5% antes dos 30. É un pouco máis frecuente en homes e a gran maioría de casos son esporádicos. As formas familiares son raras e representan só un 5-10% dos casos.

A Esclerose Lateral Amiotrófica, é a máis frecuente das denominadas enfermidades da neurona motora, que é unha enfermidade neurodexenerativa progresiva, que afecta selectivamente ás neuronas motoras da cortiza cerebral, tronco cerebral e medula espinal que levan os impulsos nerviosos aos músculos, o que dá lugar a unha perda de forza e atrofia dos músculos que dependen das neuronas motoras que están afectadas.

O resultado final é unha debilidade progresiva, que fai que o paciente necesite cada vez máis axuda para realizar as actividades da vida diaria, volvéndose, finalmente, totalmente dependente. Cando a debilidade chega a afectar a musculatura respiratoria prodúcese o falecemento do paciente, que adoita ocorrer ao cabo de 3 a 5 anos, aínda que é importante resaltar que un 20% dos pacientes terán unha supervivencia maior a 5 anos e ata nun 10% dos casos, a supervivencia é maior de 10 anos.

Non existe ningún tratamento curativo para a ELA. O tratamento sintomático mellora a calidade de vida destes enfermos. Na actualidade tan só hai un único tratamento farmacolóxico aprobado para a esclerose lateral amiotrófica, xa que atrasa lixeiramente a evolución da enfermidade, mellorando a supervivencia dos pacientes nuns meses. Con todo, non reverte o dano neurolóxico xa establecido, polo que a toma do mesmo non vai mellorar os síntomas xa manifestados.

O diagnóstico da Esclerose Lateral Amiotrófica debe ser realizado por un neurólogo, mediante unha historia clínica e unha exploración neurolóxica exhaustiva. As formas de inicio son variadas, o cal pode dificultar o diagnóstico en formas iniciais, dependendo se a afectación predominante é da neurona motora superior (que leva os impulsos nerviosos desde a cortiza cerebral ata a medula), da neurona motora inferior (que leva os impulsos desde a medula espinal ata o músculo) ou de ambas. Os criterios diagnósticos requiren a afectación de ambas as neuronas motoras, aínda que esta situación non é habitual nas formas de inicio.

En xeral, un terzo dos pacientes comezan con síntomas de perda de forza e atrofia muscular nunha man (forma de inicio máis frecuente), para despois ir estendéndose de forma progresiva a outros territorios musculares. Noutro terzo de pacientes, a enfermidade debuta por unha perda de forza nunha perna e noutros casos os síntomas do paciente maniféstanse pola afectación dos músculos encargados do fala ou da deglución, con problemas para articular palabras ou para tragar.

Habitualmente, a enfermidade non afecta as funcións cerebrais superiores, o que fai que o paciente sexa totalmente consciente da parálise progresiva que sofre, nin á sensibilidade nin aos esfínteres, limitándose á parálise dos músculos que teñen un control voluntario.

Non existe un marcador biolóxico da enfermidade, polo que a ELA se segue diagnosticando en base á clínica e aos resultados do estudo electromiográfico, que mostrará un proceso de denervación difusa da musculatura voluntaria. Por iso, é moi importante descartar outras posibles causas, mediante a realización de probas de neuroimaxe (resonancia magnética) ou outros estudos de laboratorio que se consideren necesarios.

Comentarios
Lo más