O BNG pide paralizar a reforma do Malecón
Os nacionalistas queren que se consensúe esta obra coa poboación e se realicen as infraestruturas previas necesarias; estacionamento e transporte público
A remodelación do Malecón de Ribeira está provocando moita controversia e un malestar crecente nas veciñas e veciños do casco urbano e das parroquias do municipio. A obra foi colada polo Partido Popular no orzamento de 2017, cunha partida de máis dun millón de euros para facer unha reforma desta avenida. “A macro-reforma non foi dialogada con ninguén”, denuncian os nacionalistas. Nin cos grupos que integran a Corporación Municipal, nin con comerciantes, sector empresarial, hostalaría e nin tan sequera os propios veciños e veciñas da zona afectada foron informados de nada.
"O goberno do PP quere levar adiante un proxecto por valor de 1.400.000€ sen contar con absolutamente ninguén acción que o BNG cualifica de ilóxica", apuntan dende o BNG. Para o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas “o inicio das obras demostrou o que xa se temía; caos circulatorio e perda de aínda de máis prazas de estacionamento que causan trastornos para a veciñanza que se achega ao centro urbano e tamén aos profesionais de reparto”. Ademais engadíu que “o señor Ruiz, é o único causante deste profundo malestar pois o goberno que preside non se dignou nin a presentar o proxecto nin amosar como quedaría”.
En palabras do concelleiro Luís Pérez Barral, o PP volta á soberbia e á falta de transparencia e de diálogo. Por se fose pouco, temos que sumarlle as reformulacións do proxecto por valor de 80.000€ e das que tivemos coñecemento polos medios de comunicación, nunha demostración máis de como van por libre sen contar con ninguén.
Paralizar para consensuar
O BNG quere que se paralice a reforma do Malecón pois. para Vázquez Cobas, é unha necesidade urxente polo que presentou esta iniciativa estando seguros de que é apoiada por unha boa parte da veciñanza, comerciantes e traballadores, só falta que os grupos escoiten a xente e a apoien tamén. “Desde o BNG non estamos a favor da reforma do Malecón tal e como está deseñada, desde o Bloque cremos que se está facendo a casa polo tellado” expuxo o voceiro municipal nacionalista. A súa argumentación estivo sostida por tres piares nos que o BNG leva traballando durante anos; plan de transporte público, aparacdoiros e circunvalación. Infraestruturas que é necesario ter listas antes desta obra faraónica.
Con respecto ao primeiro, dixo que goberno debería ter posto en marcha un plan de transporte público que permitise mellorar a conexión coas parroquias e reducir o número de coches que entran no centro urbano. Con respecto aos estacionamentos, fixo fincapé en dúas alterantivas; remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario para poñelo a tarifas reducidas e por outra banda, habilitar aparcadoiros gratuítos dignos, con bo firme, iluminación e seguridade.
Finalmente Cobas fixo fincapé na dotación dunha circunvalación que desconxestionase o principal acceso viario. “Non sabemos máis que unha promesa electoral que non se converte en realidade”.
No BNG concluíron: queremos que se escoite á xente, o PP está gobernando de costas a ela e fai unha macro-obra sen ter listas as infraestruturas previas necesarias, o que produce un caos e un lóxico malestar social.