O PP denuncia que Santiago non contará coa repetición do espectáculo nocturno das festas do Apóstolo nos días posteriores ao 24 de xullo
Para o Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández, “a ineficaz xestión do Goberno de Martiño Noriega volve a traer malas
consecuencias para a cidade, que perde un dos maiores atractivos destas xornadas lúdicas"
Santiago de Compostela quedarase este ano sen a repetición do espectáculo nocturno dos fogos do Apóstolo 2018. O Consorcio de Santiago propón á empresa Acciona Producciones y Diseño, S.A.U. como adxudicataria do servizo de deseño, produción, montaxe e realización deste evento e, a pesar da solvencia da empresa, o Grupo Popular subliña que a tardanza na licitación, a falta de publicidade do concurso e o curto prazo de presentación de candidaturas fixeron que este proceso adoleza de concorrencia e competitividade, o que lastra o seu resultado final.
O Grupo Municipal Popular explicou que, como tan só houbo dos propostas e unha tivo que ser rexeitada por entrar fora de prazo, o Consorcio, e por tanto o Concello, vese obrigado a aceptar as condiciones da oferta de dita empresa, unha proposta que non oferta a repetición dos fogos ningún día, nin o 25, nin o 26 de xullo, como propoñía o prego e que estaba valorada en 12 puntos nos criterios de adxudicación.
Por outra banda, o espectáculo programado para o 31 de xullo, “no seu aspecto creativo, é moi pobre, xa que se trata dunha breve descrición do castelo de fogos”, segundo se recolle no informe técnico. Así mesmo, tamén vai case ao límite do crédito dispoñible, xa que dos 217.800 euros da oferta de licitación, a proposta económica é de 217.314,68 euros.
Para o Grupo Municipal que dirixe Agustín Hernández, “é unha pena que o alcalde non sexa capaz de dar unha resposta rápida e eficaz a un problema administrativo do Consorcio e faga responsable a esta institución dunha licitación que debería haberse realizados desde o propio Concello, en tempo e forma, con prazos amplos e maior publicidade”.
Os Populares reiteran que a ineficaz xestión do Goberno de Martiño Noriega volve a traer malas consecuencias para a cidade, que perde un dos maiores atractivos destas xornadas lúdicas. Así, o Goberno de Compostela Aberta amosa, unha vez máis, que non está no Concello para mellorar Santiago, aínda que si parece decidido a “mudalo todo”, pero non no bo camiño.