O ciclo de monólogos "Chanzas na Rúa" regresa a Ribeira
Pedro Brandariz, Isi e Ángela Triana serán os protagonistas
O Concello de Ribeira volve a apostar por segundo ano polo ciclo de monólogos Chanzas na Rúa logo a aceptación e o éxito de público conquerido na primeira edición. Tres serán as actuación que se van a celebrar neste mes de xullo, todas as dez da noite e todas de carácter gratuíto.
“Chanzas na rúa” como o seu nome indica ten como escenario a rúa, en concreto nas principais prazas e parques da cidade co obxectivo de dinamizar o noso entorno e axudar tamén a activar o sector da hostalería que se atopa concentrada ao redor destes espazos.
Esta segunda edición chega da man de tres dos mellores cómicos do momento en Galicia, tanto figuras emerxentes no mundo do humor, como artistas xa consagrados. A primeira actuación é a do coñecido Pedro Brandariz, cun espectáculo de humor que terá lugar na rúa de Portugal, en Bandourrío, o venres 6 de xullo ás 22 horas.
O seguinte artista en recaer na nosa cidade será o coñecido cómico Isi, que animará a zona comprendida entre o Paseo do Malecón e a rúa do Sal ás dez da noite do venres 13 de xullo. ISI é un dos cómicos máis destacados do panorama galego e aborda o humor dende diferentes eidos grazas ao seu carácter polifacético o seu amplo currículo.
Faremos un parón na fin de semana da festa da Dorna para trasladar a última das actuacións deste ciclo ao venres 27 de xullo. Pechará esta edición a humorista Ángela Triana á que poderán ver na Praza de Porta do Sol tamén ás dez da noite.
En caso de choiva, as actuacións afectadas trasladaranse ao Auditorio de Riveira ou ao Espazo Municipal de usos Múltiples.