O BNG propón a instalación dunha nova placa identificativa das "Marías" da Alameda
Fai un ano rexistraron un rogo para a instalación dunha nova placa en condicións de visibilidade
A concelleira do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín Rei, ven de propoñer a instalación dunha nova placa informativa onda a estatua de Maruxa e Coralia, "As Marías" na que explique a súa historia e a represión que sufriron durante moitos anos. A intención da formación nacionalista é "difundir a recuperación da memoria histórica ao ser un dos lugares que atrae a numerosas visitas na alameda de Compostela".
A placa actual pasa desapercibida tras atoparse no chan que moita xente descoñece. "As persoas case non se fixan nela, pon os pés enriba para tirar fotografías, ademais de estar borradas as letras vermellas e ser moi pequenas", afirmou Sanmartín.
Fai un ano o BNG rexistrou un rogo para que se instalase unha placa informativa en condicións de visibilidade. "Entendemos que agora que imos para o mes da memoria está moi ben vestir de novo as Marías, mais que a xente que visita Compostela pode confundir con personaxes de banda deseñada ao carecer de información sobre a súa traxectoria", indicou.
EXLCUSIÓN DO GALEGO NO SERVIZO DA ORA
Na rolda de prensa a concelleira tamén se quiso referir ao paneis de publicidade situados nos parquímetros da ORA e á nova aplicación para facer o pagamento, que entrou en funcionamento o venres 15 de xuño e que só está dispoñible en castelán. "É un erro que hai que corrixir de maneira inmediata para que estea dispoñible en galego", afirmou.