Centro de Saúde do Milladoiro: o inicio da realidade
O prazo previsto para a execución das devanditas obras é de 17 meses, polo que se agarda que a finais de 2019 o novo centro de saúde estea rematado
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, supervisaron na mañá do venres o inicio das obras de construción do futuro centro de saúde do Milladoiro, que, a comezos do mes de maio, a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, adxudicou á empresa Construcciones Ramírez S.L.U. por un importe de 2.371.847 euros. En dita visita tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, a concelleira de Sanidade do Concello de Ames, Luísa Feijóo, membros do grupo municipal popular e integrantes da asociación Arcea-Adames.
Durante a visita presentouse o proxecto e falouse das distintas dependencias que terá este novo equipamento. Os traballos teñen un prazo de execución de 17 meses. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, construirase nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 m2. O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.
Miñones tamén quixo agradecerlle á Xunta as xestións realizadas ata o día de hoxe. “Unhas xestións que eu en 2009 comecei sendo concelleiro de Sanidade e tiven que tramitalas coa que era naquel momento conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e posteriormente coa conselleira Rocío Mosquera, e agora con Jesús Vázquez Almuiña. Agradecerlles o trato recibido e que tiveron o mesmo pensamento que nós, que esta infraestrutura era moi necesaria para O Milladoiro”.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou “a presenza nosa hoxe no Milladoiro é para darlle a importancia que ten esta obra e para que saiban os veciños e veciñas do Milladoiro, que en aproximadamente un ano e medio, van a dispor do que será un dos centros de saúde máis modernos de Galicia. O Milladoiro merece esta nova infraestrutura polo crecemento que experimento nos últimos anos. A construción deste novo centro de saúde enmárcase dentro do plan da Xunta de Galicia para potenciar a atención primaria. Deste xeito, durante esta lexislatura vamos a construír ou ampliar uns 20 centro de saúde por un valor de máis de 53 millóns de euros. Este é un dos proxectos máis importantes que se van executar, cunha superficie de máis de 2.000 metros cadrados e un investimentos de 2,3 millóns de euros”.