Especialistas da esclerose múltiple reuníronse en Compostela
A Unidade de esclerose múltiple de Santiago é CSUR dende decembro de 2012 e na actualidade atende 876 enfermos, realizando un total de 1.863 consultas anuais das que 107 son primeiros diagnósticos
Un grupo duns 70 neurólogos de diferentes hospitais do norte de España (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Burgos, León e Ponferrada) con especial dedicación á Esclerose Múltiple (EM), reúnense o venres e onte en Santiago para debater sobre os avances nesta patoloxía e para establecer criterios uniformes de comportamento ante os pacientes con esta doenza.
Na reunión “EM Conexión Norte” revisarán múltiples aspectos tales como o diagnóstico diferencial, estratexias terapéuticas, como medir a súa eficacia e como influíron na evolución da enfermidade, aspectos específicos de neuroinmunoloxía e aspectos máis prácticos sobre neurocognición, e sobre o embarazo na Esclerose Múltiple, pois un número importante de doentes son mulleres novas con posibilidades de quedar embarazadas.
Nos últimos 25 anos os avances no diagnóstico e tratamento da esclerose múltiple son moi importantes e se produciron con moita rapidez, dende o desenvolvemento de novos criterios de diagnóstico até a existencia actual de 14 fármacos diferentes, e con dous máis a punto de ser autorizados ao longo do que queda de ano. Isto permitiu igualar a esperanza de vida á da poboación xeral logrando 10 anos máis de vida. Amais se teñen gañado entre 10 e 15 anos funcionais, permitindo en moitos casos a cronificación e estabilización dunha función neurolóxica que até hai poucos anos era irreversible e progresiva en practicamente o 100% dos enfermos.
UNIDADE DE EM
A Unidade de esclerose múltiple de Santiago é CSUR dende decembro de 2012 e na actualidade atende 876 enfermos realizando un total de 1.863 consultas anuais das que 107 son primeiros diagnósticos.
A EM é a enfermidade do sistema nervioso máis frecuente en adultos de entre 20 e 40 anos e, despois dos accidentes de tráfico, é a primeira causa de discapacidade en occidente. Hai poucos casos en nenos e en persoas maiores de 55-60 anos. Afecta con máis frecuencia a mulleres nunha proporción de 2,5:1. En España existen uns 45.000 pacientes. Tamén coñecemos que en 10 anos a prevaleza de Santiago de Compostela aumentou dende 79 até 123 pacientes por cada 100.000 habitantes. Galicia é unha zona de alto risco, estimando que hai 9 pacientes novos cada mes e un total de 3.200 enfermos.
A inauguración correrá a cargo de Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago e de José María Prieto, neurólogo do CHUS, responsable da Unidade de EM compostelá e un dos coordinadores da reunión “EM Conexión Norte”