A USC e o Instituto da Muller convocan a primeira edición do concurso Innovatia 8.3 ás mellores iniciativas empresariais de base tecnolóxica lideradas por mulleres
Poderán participar aquelas iniciativas empresariais ou empresas con presenza maioritaria de mulleres nos seus consellos de Dirección ou de Administración e que teñan contado co apoio de universidades españolas. O prazo de presentación de propostas acaba de abrir e estenderase ata o próximo 10 de setembro
A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades convocan a primeira edición do Concurso Innovatia 8.3 que premiará as mellores iniciativas empresariais creadas co apoio das universidades e lideradas por mulleres. Poderán participar aquelas iniciativas empresariais ou empresas con presenza maioritaria de mulleres nos seus consellos de Dirección ou de Administración e que teñan contado co apoio de universidades españolas. O prazo de presentación de propostas acaba de abrir e estenderase ata o próximo 10 de setembro.
O Concurso, co financiado polo Fondo Social Europeo, pretende fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, ademais da creación dun modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica na contorna universitaria. Innovatia 8.3 constitúese como unha ferramenta para as universidades españolas que fomenta a creación deste tipo empresas lideradas por mulleres, dando valor ao coñecemento universitario e visibilizando as universitarias.
A convocatoria contempla dúas modalidades: a de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, dotada de 10.000 euros de premio en metálico e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector; e a de iniciativa empresarial Startup, premiada con 7.000 euros e asesoramento personalizado durante 3 meses por unha profesional referente no sector.
A valoración das iniciativas empresariais presentadas nas dúas categorías corresponderá a un comité composto por persoal experto e independente. Integrarano cinco persoas: dúas procedentes de sociedades de capital risco que xestionen fondos específicos para transferencia de tecnoloxía; outras dúas procedentes de redes OTRI que formen parte do grupo de traballo de Spin-off especializadas en facilitar os procesos de creación destas sociedades nas universidades; e unha persoa en representación de asociacións empresariais ou directivas a nivel nacional.
O comité avaliará a viabilidade económica e financeira dos proxectos; así como o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor; e ter en consideración políticas de igualdade.