Novo máster na USC para a especialización de mestres e mestras e a potenciación da investigación educativa en Galicia
Configurado por 60 créditos ETCS de formación presencial, o programa conta co respaldo das áreas disciplinares de didácticas das Ciencias Experimentais, das Ciencias Sociais, da Expresión Corporal, da Expresión Musical, da Expresión Plástica, da Matemáticas, da Lingua e a Literatura, Didáctica e Organización escolar e Métodos de Investigación e diagnóstico en Educación
A USC inicia un novo máster interuniversitario na Facultade de Ciencias da Educación co obxectivo de avanzar na formación de titulados/as en Educación Infantil e Educación Primaria, así como de profesionais da docencia. Con esta titulación ofrécese a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas, ademais de ofrecer a posibilidade de acceso dos mestres/as en exercicio e novos graduados aos estudos de doutoramento.
Configurado por 60 créditos ETCS de formación presencial, o programa conta co respaldo das áreas disciplinares de didácticas das Ciencias Experimentais, das Ciencias Sociais, da Expresión Corporal, da Expresión Musical, da Expresión Plástica, da Matemáticas, da Lingua e a Literatura, Didáctica e Organización escolar e Métodos de Investigación e diagnóstico en Educación. Este é un mestrado que aposta por unha formación integrada e interdisciplinar que contemple a aplicación didáctica das tecnoloxías e a innovación educativa. A metodoloxía de investigación e o uso avanzado das TIC no ensino forman parte do grupo de contidos obrigatorios desta titulación, a que se engade unha materia sobre o ensino en linguas estranxeiras en materias curriculares específicas.
Con carácter interuniversitario, impártese nas tres universidades galegas que colaboran na optimización de recursos materiais e humanos e na mellora coordinada da formación inicial e continua do profesorado en Galicia. A USC oferta 20 prazas para as que xa se pode formalizar a solicitude de admisión. Pode consultarse toda a información deste título na web.