O banco de sangue do CHUS xa conta coa certificación de calidade de Aenor
É o primeiro en Galicia en implantar a petición e a pulseira de seguridade electrónica, que permite a total trazabilidade do compoñente sanguíneo
Os profesionais do Banco de Sangue da área sanitaria de Santiago veñen de renovar a acreditación pola norma ISO 9001:2015. O delegado de AENOR en Galicia, Martín Pita, fixo entrega do certificado á responsable da unidade, Mercedes Villamayor, e ao resto dos traballadores en presencia da xerente da área sanitaria, Eloína Nuñez, a subdirectora de Calidade, Beatriz Pais e o xefe do Servizo de Hematoloxía, do que dependen, José Luís Bello.
A norma ISO 9001:2015, é unha norma internacional e ten un enfoque de mellora continua baseado en procesos. A súa implantación no banco de sangue propiciou que se desenvolva, implante e mellore a eficacia dun sistema de xestión de calidade, sempre co obxectivo último de aumentar a satisfacción e a seguridade da atención sanitaria ao doente. Obter e, sobre todo, manter ao longo dos anos una acreditación deste tipo implica que nas unidades a orientación á excelencia e un hábito, e que a calidade se garante dunha forma sistemática, e que dita calidade é contrastada por avaliadores externos.
Ademais, a unidade foi a primeira galega en implantar, a finais do ano pasado, a petición e a pulseira de seguridade electrónica en distintas unidades clínicas do hospital permitindo a trazabilidade electrónica do compoñente sanguíneo dende a súa extracción ata a finalización da transfusión.
Segundo Mercedes Villamayor, facultativa responsable do Banco de Sangue do CHUS, este proceso “supuxo un cambio moi importante no xeito de afrontar o traballo, xa que todo está protocolizado, o que permite coñecer inmediatamente as incidencias que poidan xurdir e implantar as accións correctivas necesarias”. Isto conlevou unha optimización do tempo e dos recursos cun evidente aumento da seguridade do doente e dos profesionais.
Pola súa banda a xerente da área sanitaria de Santiago agradeceu a implicación dos profesionais que o compoñen, e subliñou o esforzo realizado para manter esta acreditación de calidade, xa que é un esforzo engadido pero que “supón un referendo externo” á calidade e seguridade da atención que este servizo presta aos doentes da área compostelá.
Banco de sangue do CHUS
O banco de Sangue, integrado no servizo de Hematoloxía e Hemoterapia da xerencia de xestión integrada de Santiago, que dirixe José Luis Bello, transfundiu durante o pasado ano 2017, un total de 23.027 compoñentes sanguíneos a 5.140 doentes, cunha mellora nos indicadores de relevancia transfusional.
Os servizos de maior incremento no consumo foron o Hospital de Día de Oncohematoloxía (tratamento de pacientes oncolóxicos e hematolóxicos), o servizo de Anestesia e Reanimación e o servizo de Urxencias (atención a pacientes críticos).
O Banco de Sangue é un servizo transversal, que é crucial para que outros moitos procesos poidan efectuarse. A existencia de reservas de sangue e produtos sanguíneos dispoñibles, é fundamental para que podan realizarse determinadas cirurxías, como as próteses ou as intervencións traumatolóxicas en xeral, a cirurxía dixestiva, etc...)
Co obxectivo de mellorar a calidade, a finais do ano pasado implantouse a petición e a pulseira de seguridade electrónica en distintas unidades clínicas do hospital (Hospital de Día e planta de Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, unidades de coidados intensivos,....). Con este paso, pioneiro a nivel galego, péchase o circuíto de transfusión electrónico, permitindo a trazabilidade electrónica do compoñente sanguíneo dende a súa extracción ata a finalización da transfusión.
Ademais, o banco de sangue ten unha actividade diagnóstica con implicación en diversas áreas asistenciais, destacando a participación nos transplantes de órganos (fígado, ril,...), así como na enfermidade hemolítica do neonato.
Outra das súas áreas de traballo, cun gran crecemento nos derradeiros anos, é a de aférese e criobioloxía, que permite o transplante de proxenitores hematopoiéticos en adultos e nenos. Neste eido, é importante destacar a colaboración co Rexistro español de doantes de medula ósea (REDMO). Esta área conta tamén con actividade terapéuticas, como a fotoaférese extracorpórea para tratamento do EICH e o linfoma cutáneo, así como a plasmaférese e a autodoazón.
“En resumo, a obtención desta certificación segundo a nova norma ISO 9001:2015, avala a calidade e o bo proceder de todos os procesos realizados no banco de sangue”, destaca a súa responsable.