La Yale Schola Cantorum actuarán hoxe na Igrexa da Universidade
Este coro de cámara, fundado en 2003 por Simon Carrington, especialízase na interpretación de música sacra do século XVI á actualidade
Logo da inauguración este martes no CGAC, as Xornadas de Música Contemporánea continuarán hoxe venres na Igrexa da Universidade coa actuación, ás 20.00 horas, do Yale Schola Cantorum dirixido polo británico David Hill. A entrada é libre ata completar o aforo.
Este coro de cámara, fundado en 2003 por Simon Carrington, especialízase na interpretación de música sacra do século XVI á actualidade. Amosa un interese especial pola práctica de interpretacións historicistas, que a miúdo realizan xunto a instrumentistas da Facultade de Música de Yale e de Juilliard. Nesta ocasión interpretan o Path of Miracles (2005) de Joy Talbot (1971), a primeira gran obra encargada polo galardoado conxunto vocal, descrita no seu momento polos críticos de The Times como “unha odisea evocadora”. Na peza, Talbot recolle as impresións que experimentou ao coñecer algúns lugares do Camiño de Santiago, nomeadamente, a abadía de Roncesvalles e as catedrais de Burgos, León e Compostela, e mestúraos co poemario Proofs, de Robert Dickinson e con outros textos medievais para tecer un traballo coral que deita unha fonda sensación de atemporalidade.
XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA
Ata o venres 29, os amantes da música de culto e de vangarda poderán gozar dun completo programa de concertos, conferencias e espectáculos en diferentes espazos da cidade. Baixo o título “Música, Emoción e Memoria” a proposta deste ano celebra a pegada e a obra de Enrique Xerardo Macías (1958 - 1995), compositor vigués que abriu a música galega a outras sonoridades e formou parte dos fundadores deste certame en 1987. No 60 aniversario do nacemento de Macías, as XMC’18 honran o labor deste autor curioso e enérxico que se conta entre os xenios da súa xeración e que, malia ter finado antes de cumprir 40 anos, serviu e segue a servir de modelo para figuras emerxentes da composición galega.