A USC pon en marcha o mestrado de Procesos de Formación
A estrutura curricular establece dous semestres e adopta un programa modular coa idea de ofrecer unha formación o máis integrada posible e unha visión interdisciplinar do mundo da formación
Titulados en Pedagoxía, psicopedagoxía, educación social ou maxisterio de todas as especialidades son o colectivo ao que se dirixe o mestrado en Procesos de Formación, título de carácter investigador e profesionalizante incluído na oferta da USC para o vindeiro curso 18/19. Esta é unha titulación orientada a especialistas en formación, tanto en contextos escolares como naqueles de natureza laboral e profesional no que actualmente os profesionais da educación desempeñan as súas funcións. Ademais, quen o curse poderá optar pola formación en competencias vinculadas á investigación para continuar coa realización dun doutoramento nas liñas de investigación do Departamento de Pedagoxía e Didáctica.
A estrutura curricular establece dous semestres e adopta un programa modular coa idea de ofrecer unha formación o máis integrada posible e unha visión interdisciplinar do mundo da formación. Este é un título cunha duración dun ano e unha estrutura modular: ao finalizar o primeiro cuadrimestre o alumnado estará en condicións de recoñecer os modelos básicos de investigación educativa e as diversas liñas de investigación e traballo profesional que se están a desenvolver, mentres que co segundo dominaranse os conceptos e as técnicas básicas de actuación nos campos de especialización que elixan dentro das posibilidades dos módulos optativos e as restantes materias.
O desenvolvemento do programa combina un sistema de docencia presencial con outro virtual xa que o 60% das clases son presenciais, de luns a mércores en horario de 17.00 a 21.00 horas, mentres que a restante carga será a través do Campus Virtual da USC.