Rubén Cela anuncia que non será candidato en 2019
O concelleiro Rubén Cela ven de adiantar que non se presentará como cabeza de lista do BNG Compostela para as eleccións municipais de 2019 e alude "motivos persoais"
O concelleiro Rubén Cela ven de adiantar que non se presentará como cabeza de lista do BNG Compostela para as eleccións municipais de 2019.
Hoxe o nacionalista anunciou que non seguirá no concello compostelán por "motivos persoais" e afirmou nunha rolda de prensa que deixa a un lado a política municipal: "Todo nesta vida ten un tempo", indicou, asegurando que esta etapa no Pazo de Raxoi foi "moi positiva".
A do actual portavoz local do BNG de Santiago é a primeira confirmación relativa á configuración de candidaturas a un ano das eleccións municipais en Santiago.
Rubén Cela foi Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia e foi o candidato do BNG á alcaldía desde 2011. Agora, anunciou que non repetirá alegando “motivos persoais”.
Cela, que entrou como concelleiro do BNG no pazo de Raxoi en 2011, explicou que "para min, esta foi unha das decisións máis complicadas da miña vida, pódovos asegurar que, sen lugar a dúbidas, foi a máis pensada e repensada e responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar”, sinalou, “non ten nada a ver coa vida municipal nin política”.
“Son dos que penso que para ser portavoz dun grupo político no Goberno ou na oposición require dun traballo, dispoñibilidade e esforzo que non vou ter no futuro e o que me parece máis honesto, coherente, sensato e mellor para o BNG e tamén para a Corporación é dar paso a outras persoas”, asegurou.
Ademais, afirmou “ser consciente de que é o mellor momento” para tomar esta decisión porque o BNG en Santiago está “nunha boa posición” porque conseguiu nos últimos tempos reactivar a base militante e simpatizante, “vólvese achegar xente ao BNG e temos un clima interno moi bo e con gran cohesión que vai permitir facilitar este proceso en pouco tempo e de xeito positivo”, con persoas e ideas “para facer de Santiago de Compostela un concello mellor para vivir, para traballar e para gozar”.
Sinalou tamén que vai seguir “deixando a pel” no ano que falta “para facer unha boa oposición” que vai seguir sendo fiscalizadora e, polo tanto, crítica coas cousas que faga mal o Goberno de Compostela Aberta “mais tampouco vai mudar a folla de ruta polo proceso electoral e até o último día será unha oposición propositiva, positiva e coa man tendida a chegar a acordos naqueles asuntos que sexan bos para a veciñanza de Santiago de Compostela”.