Carlos Pereda, unha das figuras emerxentes da arquitectura española da última década, desembarca hoxe en Santiago
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza hoxe martes unha conferencia co arquitecto navarro Carlos Pereda, na que exporá algunha das súas obras máis significativas dos últimos anos. Será ás 19:30 horas na sede colexial da Casa da Conga de Santiago
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza hoxe martes unha conferencia co arquitecto navarro Carlos Pereda, na que exporá algunha das súas obras máis significativas dos últimos anos. Será ás 19:30 horas na sede colexial da Casa da Conga de Santiago.
Carlos Pereda, unha das principais figuras emerxentes da arquitectura española da última década, fundou xunto a Óscar Pérez o estudio Pereda Pérez Arquitectos en Pamplona en 2005 onde desenvolven a súa actividade dedicada á realización de proxectos de arquitectura.
Ao mesmo tempo desenvolven o seu labor docente como profesores de proxectos arquitectónicos na Escuela de Arquitectura da Universidad Politécnica de Madrid ETSAM e na Universidad de Zaragoza EINA. A súa obra foi publicada en numerosas revistas e publicacións e participaron en exposicións, workshops e conferencias divulgando a súa obra en diferentes institucións, colexios de arquitectos e escolas de arquitectura no ámbito nacional e internacional.
Obtiveron o Premio de Arquitectura Española 2013, así como a Mención Especial do Premio de Arquitectura Española 2015. Ademais, o estudio foi recoñecido polos seus traballos realizados con diversas distincións entre as que destacan en dúas ocasións o Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo XII BEAU e XIII BEAU, o Premio VIII BIAU Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo 2012, o Premio internacional CONSTRUMAT 2013 á innovación tecnolóxica, o Premio Unión Europea de Patrimonio Cultural Europa Nostra, múltiples Premios COAVN, Premios COAR, COACYLE e COAL, ou o Premio ENDESA 2012 á Construción non residencial máis sostible en España, entre outros. A súa obra formou parte do Pavillón Español da Bienal de Venecia que conseguiu o León de ouro en 2016.