jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Agustín Hernández solicita ao Goberno de Martiño Noriega a transformación da contorna do estadio de San Lázaro nun aparcamento disuasorio para a cidade

Agustín Hernández solicita ao Goberno de Martiño Noriega a transformación da contorna do estadio de San Lázaro nun aparcamento disuasorio para a cidade
Agustín Hernández solicita ao Goberno de Martiño Noriega a transformación da contorna do estadio de San Lázaro nun aparcamento disuasorio para a cidade

Hernández explicou que o seu uso como aparcadoiro disuasorio sería de grande relevancia para Santiago, xa que cunha boa conexión co transporte urbano contribuiría a aliviar o tráfico da cidade, dada a súa situación nas aforas da cidade

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou hoxe, en rolda de prensa, unha nova iniciativa relacionada do mal estado e desaproveitamento da contorna do estadio de San Lázaro, concretamente cara ao Parque de Carlomagno e o polígono das Fontiñas.

Hernández explicou que o seu uso como aparcadoiro disuasorio sería de grande relevancia para Santiago, xa que cunha boa conexión co transporte urbano contribuiría a aliviar o tráfico da cidade, dada a súa situación nas aforas da cidade, próxima e ben comunicada co periférico (a vía SC-20) e a autoestrada do Atlántico.

Esta infraestrutura achegaría unha oferta de 1.500 prazas, un número que case duplica as ofrecidas na actualidade entre os aparcamento disuasorios de Salgueiriños, Santa Marta, Pontepedriña e a veciña superficie situada entre o Camiño Francés e o Palacio de Congresos.

O responsable do Grupo Municipal Popular insistiu en que esta superficie, ben habilitada e disposta, sería de gran utilidade de cara ao Ano Santo de 2021 e podería ser tida en conta, ademais, para contribuír á celebración de distintos actos, máxime tendo en conta as posibilidades do propio estadio e dos seus arredores.

Agustín Hernández subliñou que a proposta de reactivar esta zona para aparcamento disuasorio podería contar, ademais, coa colaboración financeira da Deputación ou da Xunta de Galicia, tendo en conta que a Administración autonómica ten entre os seus obxectivos a promoción da creación ou habilitación deste tipo de superficies no contorno das grandes cidades, como o constata a redacción hai varios anos dun plan sectorial específico con esta finalidade.

Está área abarca unha superficie dunhas 2,8 hectáreas que, desde a posta en servizo da instalación deportiva en 1993, foi destinada a aparcamento público, no que se teñen delimitado unhas 1.500 prazas para vehículos.

Hernández destacou que, nos últimos anos, este espazo deteriorouse de forma significativa e, hoxe en día, o seu estado resulta xa alarmante. "Xunto á evidente falta de limpeza habitual, engádense numerosas deficiencias no equipamento e a sensación de abandono é tal que, en distintas ocasións, a zona se emprega como depósito para vertidos incontrolados de todo tipo de residuos", apunta Hernández.

"Neste momento, os estragos nos equipamentos afectan a aspectos como baldosas das beirarrúas levantadas e esnaquizadas; placas dos muros de contención desprazadas pola presión das raíces das árbores que ameazan con derrubalas; faltan tramos das varandas de protección, todas elas afectadas pola ferruxe, entre outros moitos; hai derrube nos remates dos muros e dun tramo de muro de contención duns tres metros no final dunha das vías; prodúcese acumulación de terra e lixo que impiden a circulación e invalidan algunhas prazas sinalizadas; e na zona é frecuente atopar vehículos de gran tonelaxe, aparcados durante longos períodos de tempo", apuntan dende o PP.

Para Agustín Hernández, esta situación fai necesario adoptar medidas canto antes, co fin de mellorar a frecuencia na súa limpeza; evitar que continúe a súa degradación; e se recupere a súa funcionalidade, poñendo en valor un espazo que, ademais do seu uso vinculado aos vehículos, numerosas persoas empregan as súas vías para o deporte e o paseo e, ademais, podería ter outras utilidades.

A día de hoxe, as necesidades de aparcamento nesta zona non son as mesmas que cando se puxo en servizo hai 25 anos, posto que estaban vinculadas ao estadio de fútbol e da chegada da S.D. Compostela á división de honra do fútbol español, pero, agora, a súa existencia e a súa rehabilitación ofrece amplas posibilidades actuais e, sobre todo, de futuro.

Con todo isto, Hernández indicou que os Populares instarán ao Goberno de Martiño Noriega no vindeiro Pleno ordinario deste mes que se proceda a incrementar a frecuencia dos labores de limpeza nesta área; que se planifique e execute, polos propios medios ou coa colaboración doutras institucións, unha actuación integral de rehabilitación desa área para poñela en valor, contemplando a posibilidade de dotala dos servizos necesarios para convertela nun novo aparcamento disuasorio para a cidade.

Comentarios
Lo más