O alumnado do mestrado en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense e Intervención Social visitou o CRI
A visita foi valorada moi positivamente polo alumnado, que destacou a importancia deste tipo de actividades
O alumnado do mestrado en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense e Intervención Social da USC visitou este xoves o Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero (CRI). Alí coñeceron o modelo de atención integral para esas mulleres e as persoas que dependen delas, especialmente os seus fillos e fillas menores.
Aos 20 alumnos e alumnas –procedentes de Galicia, Asturias, Navarra, Brasil e Ecuador- recibiunos a directora do Centro e o equipo interdisciplinar que traballa en coordinación coa rede galega, ademais da subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste. O grupo da USC estivo acompañado polo coordinador do mestrado, o profesor Ramón Arce, e pola responsable da docencia dos contidos de intervención con víctimas, Mercedes Novo.
A visita foi valorada moi positivamente polo alumnado, que destacou a importancia deste tipo de actividades que lles permiten coñecer a práctica profesional e ao tempo contribúen ao deseño da súa inserción laboral.
O MESTRADO
O posgrao en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense e Intervención Social da USC ofértase dende o curso 2010-2011 e foi o primeiro máster oficial en España no eido da Psicoloxía Xurídica e Forense.
Segundo o Estudo de Inserción Laboral do SIIU (en función da afiliación á Seguridade Social) correspondente á cohorte de egresados/as deste título en 2013-2014, a taxa de afiliación é dun 42% un ano despois de rematar e ascende dous anos despois ata o 67,7%.