O Grupo Municipal Popular advirte dunha deficiente xestión das áreas de compostaxe municipais
Trátase de cinco zonas situadas no polígono de Costa Vella, a Selva Negra, Parque de Carlomagno, Brañas do Sar e Volta do Castro, que actúan como receptoras dos residuos procedentes dos espazos verdes existentes nas súas proximidades
O Grupo Municipal Popular vai presentar unha iniciativa na vindeira sesión plenaria para coñecer os pormenores da xestión das áreas de compostaxe destinadas ao tratamento dos residuos vexetais procedentes dos labores de mantemento dos parques e xardíns municipais.
Trátase de cinco zonas situadas no polígono de Costa Vella, a Selva Negra, Parque de Carlomagno, Brañas do Sar e Volta do Castro, que actúan como receptoras dos residuos procedentes dos espazos verdes existentes nas súas proximidades.
Segundo os populares, en varias destas zonas e desde hai varios meses están amoreadas inxentes cantidades de ramas de grandes dimensión, sen que sexan sometidas a un proceso de triturado que permita a elaboración de compost, o que xera que propicien un potencial perigo ambiental, ademais dun gran impacto paisaxístico.
Esta situación, vese agravada pola falta de control en moitos casos, cos sistemas de peche estragados ou coas cancelas abertas, o que favorece o acceso de persoas alleas ao servizo municipal para o depósito de residuos impropios.
En concreto as principais deficiencias obsérvanse sobre todo na área de compostaxe do polígono de Costa Vella, con elevados depósitos ao aire libre de ramas de grandes dimensións –duns tres metros de alto- nas dúas superficies separadas por un camiño público e rodeadas por terreos con gran cantidade de vexetación, que poderían entrañar un grave risco no caso de un incendio nese ámbito. Esa posibilidade agrávase pola facilidade no acceso a estas zonas, unha delas coa cancela continuamente aberta e a outra cun simple cable enlazado en lugar do cadeado.
Na área de Volta de Castro tamén se pode contemplar o peche de acceso derrubado e moitos restos de poda que se confunden xa coa mesta vexetación que os circunda. A facilidade para o acceso fai que se aprecien plásticos, pedras de grandes dimensións e restos de obras mesturados coa vexetación, sen dúbida procedentes de particulares. O mesmo acontece na área de Brañas de Sar, onde é frecuente atopar a cancela aberta, mentres ao carón do peche se agrupan materiais plásticos e de distinta natureza, incompatibles cun proceso de compostaxe.
Nas outras áreas que tamén visitaron os populares a xestión da biomasa resulta, en liñas xerais, máis axeitada, cun cúmulo reducido de ramas de menor tamaño, coa disposición de cubricións verdes que facilitan o proceso e minoran o impacto visual, destacando a área do Parque de Carlomagno e, con algúns reparos, a zona da Selva Negra.