miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Catro ilustradoras debuxarán os parques de Compostela no proxecto "O Camiño Urbano"

Catro ilustradoras debuxarán os parques de Compostela no proxecto "O Camiño Urbano"
Catro ilustradoras debuxarán os parques de Compostela no proxecto "O Camiño Urbano"

O Camiño Urbano é a continuación do proxecto do Camiño Portugués pola Costa que se desenvolveu o ano pasado, no que catro ilustradoras debuxaron as diferentes etapas deste Camiño, dando lugar a un libro e a unha exposición que se fixo no mes de outubro

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a comisaria do proxecto O Camiño Urbano, Gemma Sesar, presentaron este proxecto no que catro ilustradoras estarán do 30 de maio ao 3 de xuño debuxando os seus parques e xardíns e os entornos naturais das entradas do Camiño de Santiago na cidade. Coas ilustracións que fagan estes días editarase un libro que amosará o atractivo verde de Santiago.

O Camiño Urbano é a continuación do proxecto do Camiño Portugués pola Costa que se desenvolveu o ano pasado, no que catro ilustradoras debuxaron as diferentes etapas deste Camiño, dando lugar a un libro e a unha exposición que se fixo no mes de outubro. O proxecto do Camiño Urbano conta coa financiación da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

As catro ilustradoras que participan no proxecto son:

Celia Burgos, Cadiz. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla. Vive en Cádiz, onde imparte clases de arte e debuxo no ensino público, traballo que combina coa ilustración e o debuxo urbano. Nos últimos anos formou parte de encontros e festivais en España, Portugal e Francia; ten impartido talleres en Sevilla, Cádiz, Barcelona e Lisboa; participado en publicacións e mostras; e realizado reportaxes gráficas, sendo cronista de eventos en distintas cidades. É correspondente do blog Urban Sketchers Spain, cofundadora do grupo Sketchers Bahía de Cádiz, así como integrante de Garabattage Ilustra, en Sevilla.

Nanda Cabaleiro, Santiago de Compostela. Cadernista, integrante activa e cofundadora dos grupos galegos Boscquejeros (Santiago), SketchCrawlGalicia e USKoruña. Arquitecta pola ETSA A Coruña, é profesora de FP. Neste momento fai obradoiros de ioga e debuxo para os nenas e nenos nos que intenta transmitirlle á rapazada as súas dúas paixóns. Viaxa dende sempre acompañada por un caderno, pero é en 2012 cando entra en contacto coa comunidade de debuxantes urbanos, cando descobre o gozo de debuxar en grupo, e saber que, esteas onde esteas, sempre haberá alguén con quen compartir pinceis.

Ana Luisa Frazão, Lisboa. Licenciada en Deseño e Produción Visual pola IADE Creative University, e profesora de Artes Visuais dende 1981. Formouse como cadernista no curso De Vuelta con el Cuaderno, da Escola de Artes de Zaragoza. Na actualidade imparte workshops, cursos e conferencias sobre o caderno e participa en mostras en Portugal, España, Marrocos, Italia ou Brasil. Foi coordinadora do grupo Oeste Sketchers, pertencente ao Urban Sketchers Portugal; e é autora do libro Uma semana na cozinha.

Maru Godas, Barcelona. Ilustradora freelance e cadernista, leva anos traballando no mundo da animación, tipografía, deseño web e fotografía. É unha das debuxantes catalás máis recoñecidas no ambiente dos sketcher e os seus obradoiros son moi valorados. Ten colaborado con Planeta de Agostini, RBA, National Geographic ou La Caixa, e publicado libros ilustrados, como o máis recente sobre o Parque Güell de Barcelona. A posibilidade de saír do estudio e debuxar ao aire libre abriulle as portas a un estilo máis pictórico e a concibir o debuxo como unha experiencia narrativa. Adoita traballar mesturando medios secos e húmidos, aínda que os seus favoritos son o gouache e a tinta chinesa.  

Comentarios
Lo más