A Xerencia súmase á celebración do Día sen Tabaco que este ano se centra no impacto que ten na saúde cardiovascular
A campaña da OMS leva por lema “Tabaco e cardiopatías”. No Hospital Clínico instalouse unha mesa con material informativo e monitores para a medición do tabaquismo e convocouse un concurso de debuxos na aula de pediatría
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago súmase aos actos con motivo do Día Mundial sen Tabaco que convoca a OMS co propósito de destacar os riscos para a saúde que ocasiona o tabaco así como promover accións para diminuír o seu consumo. Con tal motivo instalouse unha mesa informativa ao longo da mañá de hoxe dirixida a todos os doentes e visitantes que acudan ao Hospital Clínico de Santiago na que se aporta información de interese ao respecto e se realizan medicións de concentración de monóxido de carbono en aire exhalado.
A Xerente da Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, a Subdirectora de Calidade e Atención ao Paciente, Beatriz Pais e a xefa de servizo de Medicina Preventiva, Teresa Queiro visitaron a mesa informativa este mediodía na que estiveron acompañadas por Tara Pereiro, Ana Palacios e Agustín Montes, facultativos das consultas antitabáquicas do hospital, por Consuelo Campuzano, enfermeira membro do Comité antitabaco da XXIS e Elena Sobrino directora a Aula hospitalaria.
Entre as actividades organizadas para hoxe tamén os nenos da Aula hospitalaria do servizo de pediatría do Clínico participaron nun concurso de debuxos no que todos foron premiados.
Este ano o día mundial sen tabaco céntrase nas repercusións do consumo do tabaco na saúde cardiovascular. O consumo do tabaco é un factor de risco importante de cardiopatía coronaria, accidente cerebrovascular e vasculopatía periférica. É a segunda causa de enfermidades cardiovasculares, despois da hipertensión arterial.
As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en todo o mundo, e o consumo de tabaco e a exposición ao fume de tabaco alleo contribúen a preto do 12% das defuncións por cardiopatías.
O tabaquismo é unha enfermidade e unha epidemia que afecta a maís de 1.000 millóns de persoas no mundo e causa 7 millóns de mortes ao ano, 900.000 das cales corresponden a persoas non fumadoras que respiran fume de tabaco alleo. É a principal causa de enfermidade e mortalidade evitable no noso medio. Cada ano morren en España unas 50.000 persoas por enfermidades provocadas polo consumo de tabaco. Estímase que cada ano morren en España arredor de 2.500 persoas non fumadoras que respira fume.
En Galicia, aínda que o consumo de tabaco está a diminuír, as cifras de prevaleza de fumadores diarios -en poboación maior de 16 anos- é do 16%, chegando a un 22,85% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.
Área de Santiago
A prevaleza de consumo de tabaco na área sanitaria de Santiago é do 21% e a de exfumadores do 28%. É dicir, unha de cada 5 persoas adultas é fumadora na actualidade, e unha maior proporción xa deixou de fumar. A prevaleza de consumo segue sendo máis alta nos homes ca nas mulleres (27% fronte a un 16%). Tendo en conta a idade, o grupo con maior prevaleza é o de 25 a 44 anos cun 30 %.
Un dato a destacar pola importancia que tamén ten sobre a saúde dos non fumadores é que a prevaleza de exposición ao fume ambiental do tabaco dos habitantes da área sanitaria de Santiago, tanto a diario como ocasionalmente, é do 32%. Isto é, 1 de cada 3 adultos da área sanitaria está exposto ao fume dos demais ben no fogar, no lugar de traballo ou nos de lecer.
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, quere neste día sumar a súa voz a dos milleiros de organismos nacionais e internacionais, que defenden políticas eficaces para axudar a reducir o consumo de tabaco, a principal causa responsable de mortes evitables.
A xerencia compostelá conta, amais, cunha consulta hospitalaria de deshabituación tabáquica tanto para pacientes como para profesionais e participa en actividades de prevención e concienciación.