A Xerencia de Santiago súmase ao Día Internacional da Esclerose Múltiple
Esta enfermidade afecta a máis de 3.000 pacientes en Galicia
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago súmase á celebración do Día Internacional da Esclerose Múltiple (EM), convocado pola Federación Internacional de Esclerosis Múltiple (MSIF) para mañá 30 de maio. Trátase dunha doenza que afecta a máis de 3.000 pacientes de Galicia, e conta cunha prevaleza de máis de 125 pacientes por cada 100.000 habitantes, cifra que vai en aumento cada ano, e que sitúa a Galicia como zona de alta frecuencia da enfermidade.
Os profesionais da área sanitaria compostelá, que é Referencia Nacional (CSUR) para esta patoloxía fan seguimento periódico a 786 doentes con Esclerose Múltiple. Preto do 32% por cento dos doentes a seguimento son de fóra da área compostelá.
Na actualidade estase a vivir unha evolución nos tratamentos farmacolóxicos, xa que están a aparecer alternativas orais á terapia inxectable e mesmo novos fármacos para tipos de EM para os que ata o de agora non había tratamento. Anteriormente o obxectivo era diminuír o número de brotes. Agora, o obxectivo é máis ambicioso: manter a funcionalidade do paciente a nivel de mobilidade e cognitivo. Neste mesmo ano espérase a aparición de dous fármacos novos no mercado dos que os doentes do hospital Clínico xa se beneficiaron ao ter participado o centro no ensaio clínico necesario para a súa aprobación.
Así, coa mellora dos tratamentos nos últimos quince anos incrementouse en 10 anos a esperanza de vida con funcionalidade nestes doentes. O custe do tratamento farmacolóxico vai desde os 7.000 aos 23.000 euros/ano, segundo o tipo de terapia que reciba o doente.
Esclerose Múltiple
Segundo subliña José María Prieto, neurólogo responsable da unidade de referencia nacional de Esclerose Múltiple do Hospital Clínico de Santiago, "esta patoloxía é a enfermidade do sistema nervioso máis frecuente en adultos novos de entre 20 e 40 anos e despois dos accidentes de tráfico é a primeira causa de discapacidade en occidente. Hai poucos casos en nenos e en persoas maiores de 55-60 anos. Afecta con máis frecuencia a mulleres, nunha proporción de 2,5:1".
Prieto subliña que “os estudos epidemiolóxicos que se están realizando en Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra e Ourense confirman que Galicia é unha zona de alta frecuencia da enfermidade, probablemente a máis alta de España, e que ademais aumentou desde 79 pacientes por cada 100.000 habitantes hai 10 anos ata os 125 pacientes por cada 100.000 habitantes na actualidade”.
Causa descoñecida
A causa da EM descoñécese. O paciente que a sofre nace cunha predisposición xenética aínda que a enfermidade non é hereditaria de forma directa (dous irmáns xemelgos non necesariamente a sufrirían ambos a pesar de ser xeneticamente idénticos). O contacto con algún factor ambiental que hoxe se descoñece desencadearía unha reacción no organismo que levaría á enfermidade.
Neste sentido, Prieto destaca que “se estudaron factores tan diversos como virus, tóxicos, dietas, temperatura ou humidade ambiental, pero non se puido relacionar ningún deles coa aparición da enfermidade. Tampouco é ben coñecido o mecanismo que leva á enfermidade pero sabemos que o sistema defensivo do organismo (o sistema inmunolóxico) non recoñece como propias determinadas proteínas do cerebro e trata de rexeitalas provocando unha lesión neurolóxica”.
Esa lesión prodúcese na vaina que serve como illante dos nervios (a mielina) de tal forma que a súa perda causa trastornos da condución nerviosa que dependendo da súa localización no cerebro darán lugar a distinta combinación de síntomas e de signos neurolóxicos (de aí o nome de “múltiple”). A lesión desa vaina illante pode recuperarse por completo (e por tanto a recobrarse unha función normal) ou deixar unha cicatriz endurecida (de aí o nome de “esclerose”) causante dunha secuela neurolóxica.
A sintomatoloxía que presenta a esclerose múltiple é diferente en cada paciente e mesmo dentro do mesmo enfermo, xa que depende da estrutura do sistema nervioso que estea afectada. Así pois, explica Prieto “se está afectado o nervio óptico, o paciente notará unha diminución da agudeza visual, asociada ou non a dor, que vai durar polo menos 24 horas e que pode ter recuperación completa ou parcial nos días seguintes; noutros casos o paciente nota sensación de acorchamento ou entumecemento dunha metade do corpo ou dunha extremidade que pode ser transitoria (e menos veces permanente); se as lesións afectan ás vías motoras o paciente notará debilidade na parte do corpo que corresponda á zona lesionada; cando afecta as estruturas responsables do equilibrio o paciente nota sensación de mareo, inestabilidade e torpeza para camiñar e para realizar movementos finos; se afecta á medula espinal notará debilidade de extremidades con alteración da sensibilidade e dificultade para o control dos esfínteres con episodios de retención e/ou de incontinencia de ouriños. A duración destes síntomas habitualmente é de varios días ou poucas semanas e poden presentarse de forma illada ou combinados. Preséntanse bruscamente no que se denomina un brote da enfermidade.
Nun 10-15% de pacientes (habitualmente maiores de 40 anos) a enfermidade preséntase de forma lentamente progresiva e con síntomas frecuentemente debidos a afectación da medula espinal. Todo iso fai que existan tres formas clínicas: unha forma primaria progresiva, unha forma remitente-recorrente (forma “en brotes”) e unha forma secundaria progresiva (son pacientes con brotes da enfermidade e que tras 10-15 anos comezan a presentar síntomas de presentación lenta e progresiva sobreexpostos a brotes tras os que quedan secuelas neurolóxicas permanentes).