miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

FeSP-UGT insta á Xunta a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos

FeSP-UGT insta á Xunta a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos
FeSP-UGT insta á Xunta a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos

A pesar das numerosas demandas que o Sindicato ten realizado para abrir xa a negociación coa Xunta co fin de facer efectivas as medidas do Acordo, sempre se obtivo unha negativa por resposta coa escusa de estar á espera da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado

Antes da celebración da asamblea, os secretarios xerais da Federación a nivel estatal, Julio Lacuerda, e asecretaria xeral en Galicia, Irene Martínez, mantiveron un encontro cos medios de comunicación no que instaron á Xunta de Galicia a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos co fin de aplicar os puntos recollidos no Acordo estatal xa no ámbito galego, concretamente, nas súas competencias. O resultado disto afectará a unhas 94.500 empregadas e empregados públicos (Universidade, Administración autonómica, sanidade e educación). Pero é que o resto dos empregados públicos, dependentes doutras administracións e entidades públicas, tamén se verán afectados polos termos do acordo que deberán ser implementados a través da negociación en cada un dos seus ámbitos.

Ata o momento, a pesar das numerosas demandas que o Sindicato ten realizado para abrir xa a negociación coa Xunta co fin de facer efectivas as medidas do Acordo, sempre se obtivo unha negativa por resposta coa escusa de estar á espera da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. Requisito que xa está cumprido, polo que xa non hai escusas para seguir dilatando o proceso. Porque o único que se consegue con isto é prexudicar a miles de empregadas e empregados públicos que non ven restituídos os dereitos perdidos durante a crise.

Como apuntou Irene Martínez, o contrario, é dicir, non convocar xa a Mesa, obrigaría a UGT a levar a situación de Galicia á Comisión de seguimento constituída a nivel estatal. E sería unha das primeiras comunidades autónomas en estar nesta situación. 

Tanto Lacuerda como Martínez fixeron fincapéen que este II Acordo, asino o 9 de marzo de 2018, vai supoñer a restitución de emprego estable e de salarios e dereitos para todos os empregados e empregadas públicas. 

Trátase dun Acordo plurianual que garante unha suba do 6,1% fixo ata o 2020 e do 6,9% para distintos colectivos a través de fondos adicionais. O incremento salarial alcanzaría o 8,79% se se cumpren as previsión de crecemento económico.

No 2018 os empregados públicos percibirían un 1,95%, no seguinte ano poderían chegar ao 2,75% e no seguinte a suba podería situarse no 3,85%. Ao final do acordo terían unha suba máxima do 8,79%, o que permitiría recuperar case cinco puntos e medio do poder de compra perdidos durante os anos de crise. Hai que lembrar que os salarios dos empregados públicos están aos niveis de 2007.

Ademais, o Acordo permitirá en cada ámbito de negociación concreto fixar calendarios laborais que maticen e flexibilicen as 37,30 horas. E posibilita, mediante negociación colectiva, que os empregados públicos poidan acumular un 5% da súa xornada anual, con carácter recuperable, para tarefas de conciliación. Tamén será posible unha xornada continua especial se se teñen a cargo menores ou discapacitados. Mediante a negociación, poderase volver a restituír o 100% das retribución en caso de IT.

O Acordo tamén devolve a capacidade de negociación e xestión ás administración autonómicas e locais. O proceso de estabilización, cunha redución dun 90% a temporalidade, universalízase ao estenderse a todos os colectivos e sectores das administracións públicas, así como ao sector público (axencias, organismos autónomos...).

Así, as taxas de reposición, se se cumpren os obxectivos de déficit, a regra de gasto e a débeda pública, poderán afectar a todos os servizos sexan ou non prioritarios, incluso poderase aprobar unha taxa adicional do 8%.

Para aquelas administracións que non cumpran, a taxa de reposición será do 100% nos sectores prioritarios e do 75% no resto. Adicionalmente, poderán fixar unha taxa do 5% se o necesitan.

Para os corpos de policía autonómica e local o Acordo fixa unha taxa do 115% de reposición. Isto debería permitir a creación de emprego neto e, polo tanto, facilitar a implementación do Real Decreto sobre xubilación anticipada da policía local. 

Comentarios
Lo más